A gripe terá este ano en Galicia dúas ondas epidémicas, mentres aumentan as hospitalizacións
A gripe pasa a intensidade media en Galicia: a taxa de consultas en Atención Primaria elévase un 46,2% na comparativa coa semana anterior
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, prevé que, "probablemente", "este ano teñamos dúas ondas epidémicas" de gripe, a actual "sería a primeira e despois unha, que viría máis tarde".
A incidencia da gripe atópase "en tendencia crecente" en Galicia, nun nivel que "xa é medio", o que provoca que aumenten as hospitalizacións de persoas maiores.
Así o explicou en declaracións en Santiago, onde explicou que "seguen aumentando" as consultas en Atención Primaria, principalmente en nenos, ademais de subir as hospitalizacións entre os maiores.
Por iso, insiste Gómez Caamaño na necesidade de vacinarse, especialmente no colectivo vulnerable. Tamén lembra a recomendación de usar máscara en centros hospitalarios e visitas a zonas con pacientes oncolóxicos e inmunodeprimidos.
Máis de 300 hospitalizados nunha semana
Pola súa banda, o informe correspondente do 1 ao 7 de decembro mostra que ingresaron 332 persoas por gripe en hospitais galegos, un 20% máis ca a anterior semana.
O aumento de ingresos prodúcese principalmente entre maiores de 80 anos, cunha alza do 35,6%. No que vai de tempada de gripe, Galicia acumula 1.675 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
Mentres, a taxa de consultas por gripe en Atención Primaria elévase un 46,2% na comparativa coa semana anterior. A taxa sitúase en 122 consultas por cada 100.00 habitantes, con maior incidencia no grupo de nenos de 0 a 4 anos, que alcanza as 258 por cada 100.000 habitantes.
As áreas sanitarias con maior repunta de consultas son as de Vigo, que crece un 94,2%, e Ourense, un 83,7% máis, malia que foi en Pontevedra onde se alcanzou o dato máis alto, de 145,2 consultas por 100.000 habitantes.