Tres negocios icónicos da Coruña, estampados na colección infantil de Zara
A xeadería Colón, o 'gastrobar' O Cabo e a confeitería Flory xa teñen camiseta propia no xigante da moda
Se a alguén de fóra da Coruña lle preguntamos polo significado destas camisetas e suadoiros, seguramente non teñan nin idea. É que os estampados teñen un código propio, descifrable soamente para as xentes moi vencelladas a esta cidade. Simbolizan a tortilla do Cabo, os xeados da Colón e o roscón de Flory, tres icónicos negocios da cidade herculina.
"Empezaron meus pais coa xeadería e foron os que lle deron esta dimensión en realidade, e si, quérennos moito na Coruña", conta Daniel Reboredo, propietario da xeadería Colón
Despois de case 40 anos elaborando xeados, este logotipo ten camiseta propia no xigante da moda.
"É moi bonito que se lembren dun para estas cousas, a verdade é que estamos moi agradecidos e con moitas ganas de ver as camisetas e os suadoiros pola rúa", continúa Daniel
As pezas forman parte dunha colección exclusiva para os pequenos da casa. Neste gastrobar onde se elaboran a mellores tortillas de España, os suadoiros xa locen enmarcados.
"Foi un pouco de sorpresa, chamáronnos se queriamos colaborar nunha colección que ían facer e, obviamente, dixémoslles que si", apunta José Ramón Rodríguez, copropietario do Gastrobar O Cabo
"Paréceme moi ben a idea, é moi bonita, de feito penso mercar unha para o meu neto, ou sexa, que encantado", comenta un cliente
A confeitería Flory tamén está na terna, grazas á sona que ten o seu roscón de Reis.
"Eu creo que merece estar nas camisetas, porque realmente é unha confeitería fantástica, ten o roscón de Reis que é excepcional", opina unha coruñesa
Non é a primeira vez que Zara presume nas súas pezas da cidade da Coruña. A desta colección é unha pequena homenaxe ás cousas ben feitas.
"Vai ser o agasallo do Nadal, sen dúbida", afirma Daniel