Camisetas como as que Bad Bunny lles agasallou aos empregados de Zara, á venda por 30.000 euros
Camisetas iguais ás que o cantante portorriqueño Bad Bunny lles regalou este luns aos empregados de Zara na sede central de Inditex saíron á venda, tarxeta de agradecemento incluída, en plataformas de compravenda por Internet por prezos que oscilan este martes entre os 490 euros e os 30.000 euros.
O músico agradeceu con este agasallo a peza que luciu na actuación da Super Bowl cunha mensaxe a cada empregado de Zara, a firma española que a deseñou.
"Camiseta Bad Bunny Zara" é, con algunha variante, a mensaxe co que se ofertan as camisetas, acompañadas de fotos das mesmas e da tarxeta na que está escrito: "Grazas polo tempo, o talento e o corazón que puxeron. Grazas por facelo real. Este show tamén foi de vostedes. Espero que o gocen. Vémonos pronto!".
Pezas cuxos prezos oscilan este martes entre os 490 e os 30.000 euros, son todas da talla L e teñen o dorsal 64 que luciu Benito Martínez Ocasio durante a espectacular actuación. Levaba un conxunto de dúas pezas monocromáticas de camisa con pescozo e gravata e ao estilo de xogador de fútbol americano, con pantalóns e zapatillas Adidas.
O resto da vestimenta do cantante estivo formado por un reloxo da marca Royal Oak de Audemars Piguet, fabricado cunha caixa de ouro amarelo de 18 quilates e unha esfera de malaquita, explicou a revista Vogue.
O portorriqueño protagonizou este domingo o espectáculo de medio tempo nun Super Bowl histórico, ao ser o primeiro artista que actúa cun repertorio musical integramente en español.