Publicador de contidos

Publicador de contidos

Non é moda, é modelo, por María Bastida

OPINIÓN

Non é moda, é modelo, por María Bastida

María Bastida 15/05/2026 07:46

Hai moitas cousas interesantes na rebotica do “Zara gaña a Nike”.

A primeira é que non significa que Inditex sexa máis grande que Nike en todo. Significa que a marca Zara achega hoxe máis valor ao negocio que a marca Nike dentro da categoría moda. Zara aparece valorada nuns 44.000 millóns de dólares, fronte a algo máis de 41.000 millóns de Nike, e ademais crece, mentres Nike retrocede.

A segunda apunta a un cambio simbólico de modelo. Nike representou durante anos o poder da marca aspiracional: deporte, iconas, publicidade, celebridades, comunidade. Zara representa velocidade, capilaridade comercial, lectura do consumidor, conexión entre tenda física e canle en liña, e capacidade de renovar a oferta constantemente. Que Zara adiante a Nike di que o valor xa non está só en construír desexo, senón en executar moi rápido o que o consumidor quere comprar.

Zara gaña porque converte información en decisión. Inditex leva anos funcionando como unha máquina de captar sinais: que se proba, que se devolve, que se esgota, que funciona por tenda, por cidade, por canle ou por momento. A intelixencia artificial amplifica esa capacidade, pero non a inventa. E esa é a clave, porque significa que a vantaxe competitiva está en reducir incerteza comercial.

Nike segue sendo unha marca forte, pero tivo problemas recentes de conexión co consumidor, exceso de dependencia da canle directa, perda de tracción fronte a competidores e certa fatiga de marca. Zara, en cambio, está a ocupar moi ben ese espazo intermedio entre moda accesible, percepción de deseño, rotación rápida e experiencia de compra.

Por iso, esta noticia non vai de moda. Vai de capitalismo contemporáneo. Gana quen consegue entender antes o consumidor, axustar antes, distribuír antes, comunicar antes e vender con menos fricción. Zara é case o exemplo perfecto desa nova forma de competir: ler ao consumidor en tempo real e converter esa información en produto, tenda e experiencia case sen demora.

E, por que non dicilo, todo isto constata que desde Galicia pódese construír unha marca global, sofisticada e capaz de competir en primeira división. E non por vender roupa, senón por crear un sistema empresarial difícil de copiar: deseño, loxística, tecnoloxía, tenda, datos e velocidade. Unha vez máis, á cabeza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade