Un turismo esnáfrase contra as bombonas de butano dunha gasolineira de Oleiros
Os bombeiros aseguraron a zona e descartaron un escape de gas
O condutor bateu coa gaiola do butano despois de saír da vía en Perillo
O aviso chegou pouco antes das doce da mañá do domingo. Un coche acababa de impactar contra as bombonas de butano dunha gasolineira de Perillo. Tamén advertían de que podía haber persoas atrapadas no interior do vehículo, pero finalmente non as houbo. O condutor lograra saír ileso, pero o perigo non rematara.
"Foi nunha gasolineira e con bombonas, algo que chama moito a atención, así que se activou o protocolo propio destes casos. De todos xeitos non é tan sinxelo que unha bombona explote, o perigoso sería a acumulación de gases nun recinto pechado, este non foi o caso", explica Juan Suárez, o coordinador de Emerxencias de Oleiros.
O sinistro mobilizou un amplo dispositivo de Emerxencias, que se encargou de asegurar a zona para previr danos maiores.
"Faise un 'acortinamento' da zona con auga e con extintores específicos para este tipo de elementos, por se se dera un incendio. Pero non sucedeu".
No lugar dos feitos aínda está o coche sinistrado. O seu ocupante circulaba pola nacional VI e perdeu o control do vehículo á altura da gasolineira. Saíu da vía levando por diante dous farois e un sinal de tráfico para acabar batendo coas bombonas.
"É difícil de explicar nesa zona, non é un lugar onde se dean este tipo de sinistros. Parece ser que esta persoa conducía cunha alcoholemia positiva, tamén tirou dous farois no desprazamento que tivo na saída da vía".
Por sorte ninguén se cruzou na traxectoria do vehículo, que atravesou unha zona onde pasan peóns antes de quedar encaixado na gaiola do butano.