Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cambio climático e verteduras, causantes da mortaldade de ameixa

Cambio climático e verteduras, causantes da mortaldade de ameixa

As capturas van en descenso nas últimas campañas

Imaxe dunha xornada de marisqueo na Ría de Arousa
G24.gal 04/07/2022 13:34

As cifras da evolución de capturas de determinados bivalvos na última década reflicten descensos notables practicamente unha campaña tras outra e mesmo con episodios de elevada mortaldade en determinadas áreas e especies.

Na ría de Arousa, e concretamente nos bancos do Grove, é na ameixa fina na variedade en que é máis relevante.

Lola Gondar, mariscadora, di: "A ameixa fina coas temperaturas tan altas que hai na auga do mar desova menos, morre e temos menos. Achacámoslle moito ao cambio climático, porque cada vez os meses de inverno son menos, a auga do mar está máis quente e a ameixa fina é a máis prexudicada. Estámolo notando ano a ano a pasos axigantados".

A mariscadora sinala a contaminación e o barato que lle sae á industria verter ao mar como a outra causa destrutiva dos bancos de marisqueo: "Moitas empresas prefiren pagar as multas antes de solucionar o problema. Hai empresas que ano tras ano teñen denuncias, pero ao final vén o ano seguinte e temos o mesmo problema. Dámonos conta de que prefiren pagar a multa que solucionar o problema, e todo iso vén para o mar", di Gondar.

Engade que coidar a saúde do mar incumbe a todo o mundo, porque interesa a todos. Empezando polas 370 mariscadores adscritas á Confraría do Grove. Son 30 menos que antes da pandemia debido a xubilacións. Di que neste caso o relevo xeracional non está en cuestión, polo que reflicten os permisos para a explotación marisqueira.

"Cada vez máis persoas para o marisqueo. Cando facemos a apertura de permex para entrar na Confraría hai un montón. Xúntanse ao mellor 200 persoas para optar a un permex. Cada vez hai máis".

Como todo o marisco, a ameixa está agora en época de demanda alta, polo que o seu prezo repunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade