Fin de semana marcada pola calor, o po africano e a ameaza de treboada
A Xunta recomenda precaución pola mala calidade do aire e o aviso de tormentas
Bochorno, ceos cambiantes e temperaturas que chegan aos 30 graos nun sábado de maio en Galicia, tras un comezo de mes marcado pola chuvia. Un día de calor no que o sol aparece e desaparece, pero no que a sensación é xa de verán adiantado.
"De noite hai que abrir a ventá un pouco para que entre o fresco, porque se non aquí non se aguanta a calor", asegura un home.
Unha muller relata que viu á praia preparada coa sombrilla e a cadeira, pero acabou colléndoa a chuvia e entre a calor da noite e a auga de hoxe xa non sabe nin como acertar co tempo.
A calor chega acompañada dunha nova intrusión de po africano, partículas en suspensión que empeoran a calidade do aire. Ante isto, a Xunta recomenda usar máscara e gafas na rúa.
No caso de persoas con problemas respiratorios ou cardiovasculares, maiores, menores e embarazadas, aconsella reducir a actividade ao aire libre e pechar portas e ventás. Esta situación súmase ao aviso amarelo por treboadas que mantén en alerta o sector agrario.
“A tormenta, dependendo da intensidade, sempre pode facer moito dano”, dinos preocupada unha veciña. E un home confírmanos que ten moitas legumes plantadas: “tomates, cebolas, un pouco de leitugas”.
Medo á sarabia
No campo miran ao ceo con preocupación. Cultivos como a pataca, a cebola ou a leituga están en pleno desenvolvemento e as treboadas fortes, sobre todo se veñen con sarabia, poden causar danos importantes.
"O que máis afecta ao campo son as choivas intensas e o vento, que poden estragar colleitas enteiras en pouco tempo”, asegura Carlos Llamazares, enxeñeiro de montes.
Malia os avisos, as treboadas desta tarde foron illadas e afectaron sobre todo á comarca de Bergantiños, mentres o resto de Galicia quedou, polo momento, á marxe. As temperaturas máis altas rexistráronse en Riotorto, con 30 graos, e en puntos de Ferrol e Bergantiños, onde se rozaron os 29.
A calor, o po africano e a ameaza das treboadas deixa en Galicia un tempo inestable e con cambios constantes entre o verán adiantado e o ceo encapotado.