Cae unha banda que extorsionaba os usuarios dunha plataforma de citas
A primeira denuncia foi feita en 2023 por un veciño dunha localidade mariñá
A organización criminal obtivo un beneficio de máis de 250.000 euros coas ameazas ás vítimas
Ata cinco persoas resultaron detidas, a maior parte en Madrid, na chamada operación Toxos. Presuntamente, dedicábanse a extorsionar os usuarios dunha plataforma de citas de intercambios sexuais.
A primeira denuncia foi realizada en 2023 por unha vítima mariñá, que pagou miles de euros tras ser ameazada. Logo de dous anos de pescudas, o Equipo @ da Comandancia de Lugo estima que a rede se fixo cun botín de máis dun cuarto de millón de euros.
"Comprobamos que as persoas que se estaban beneficiando deste delito de estafa tiñan movementos económicos moi importantes, superiores mesmo aos 250.000 euros. O destino final deses beneficios era a República Dominicana", sinala David Penela, axente do Equipo @ da Garda Civil.
Os investigadores da Garda Civil identificaron o resto das vítimas da organización criminal, residentes en todo o ámbito estatal. Malia ofrecérenlles a posibilidade de presentar denuncia, declinaron facelo.
"Os autores dos feitos fanse pasar por outras persoas en portais de contactos, e a raíz de conseguir material delicado, empezan a extorsionar as vítimas. Son denuncias bastante complexas, xa que como afectan gravemente a intimidade dunha persoa, nós non temos coñecemento porque a xente non denuncia, por medo a represalias ou ao ambiente familiar de cada un", explica Penela.
As catro persoas que supostamente integran a banda e mais a súa presunta líder xa pasaron á disposición da Xustiza.