Cae o consumo de pan en España máis dun 8%
Estiman que o prezo do quilo subiu un 15 % neste ano
A facturación da industria do pan reduciuse preto dun 6 % con respecto aos anos anteriores á pandemia. En 2021, cada español gastou de media uns 53 euros nun produto básico cun consumo á baixa. "O descenso do consumo nótase. A familia que levaba dúas barras, agora leva unha", explica Fernando Troncoso Ramírez, responsable dunha panadería de Vigo.
Son cifras anteriores ao inicio da invasión de Ucraína e a que se dispararan os prezos da fariña e a electricidade. Agora, dende o sector apuntan que os artesáns son os que máis o están a sentir ao empregar procesos de fermentación con maior consumo enerxético.
"O pan de longa fermentación implica un gasto eléctrico porque ten que estar en neveira a catro graos. Nós os artesáns, non temos a capacidade de abaratar dos supermercados, e a xente vai ao pan barato, que é pouco saudable", reflexiona Troncoso.
O consumo de pan baixou máis dun 8 % nun ano. Os galegos resístense a deixar un produto básico na nosa dieta e que supón algo máis do 3 % dos cartos que gastan os fogares en comida e bebida. O sector xera máis de 330.000 postos de traballo en España.