A Plataforma polo Dereito á Vivenda pide máis limitacións para as de uso turístico na Coruña
Solicitan que se impida a transformación de edificios residenciais en alugueiro vacacional
Unha cidade co prezo do alugueiro limitado e cunha ordenaza municipal que regula as vivendas de uso turístico.
"É un problema grave na Coruña. Un piso que antes custaba 400 agora custa 800", asegura un veciño.
O prezo da vivenda sobe máis dun 11 % no que vai e ano, por riba da media nacional.
"Non baixou nada. O prezo segue sendo carísimo. A zona tensionada non solventou nada", di o voceiro da Plataforma polo Dereito á Vivenda.
Unha medida pouco eficaz que se estende ás vivendas turísticas. Din que un 60 % dos pisos de vacacións da cidade non cumpren coa normativa municipal.
"O concello non está pechando esas vivendas. Hai orde de peche pero non se fai efectiva. Temos que esixir que pechen as vivendas ilegais", explica.
E din que está aumentando a compra de edificios para destinalos a uso de vacacións.
"Queremos que cambie a normativa, que non se permita. E ademais que faga unha suspensión cautelar para as licenzas dese tipo de edficios", pide Santiago Lamelo.
O número de pisos turísticos inscritos no rexistro oficial da Xunta de Galicia na Coruña é de 1.314, un 6,5 % menos que hai un ano.