Cada vez dan servizo máis máquinas expendedoras no Camiño de Santiago
As máquinas expendedoras funcionan como complemento económico nos lugares de paso
Só na provincia de Lugo hai arredor dun cento delas. Son as máquinas expendedoras que están a proliferar nas distintas rutas xacobeas.
É o caso das instaladas na parroquia luguesa do Burgo, por uns veciños que viron unha oportunidade de negocio. Ao tempo que lles dan servizo aos peregrinos, pois non teñen bar ningún, as expendedoras supoñen un complemento económico.
Nuria Vázquez, propietaria dun punto de máquinas expendedoras no Camiño Primitivo: "Os veciños tiñan un bar e dixéronnos que ían pechar. Vimos que quedaban sen servizo os peregrinos e decidimos dalo nós, o cal nos veu ben como complemento para a economía familiar".
As do Burgo son, polo momento, das poucas máquinas que dispensan bebidas ou comida no Camiño Primitivo.
Para instalalas, os veciños que as levan tiveron que realizar un investimento mínimo na reforma dun local, que xa foi amortizado abondo grazas á cada vez maior afluencia de peregrinos por esta ruta.
Nuria Vázquez, propietaria dun punto de máquinas expendedoras no Camiño Primitivo: "Tivemos que facer un pequeno investimento para acomodar as expendedoras nun garaxe que tiñamos, e mais puxemos baños para os peregrinos, e en pouco tempo xa está amortizado".
O custo do alugueiro varía entre os 250 e os 500 euros ao mes por cada máquina. Ao estaren situadas no Camiño de Santiago, a maior complicación radica en conseguir todos os permisos necesarios para a actividade, tanto municipais como por parte de Patrimonio.