O padre Areán, sacerdote en Chiclayo, describe o Papa como "delicado e acolledor"
O sacerdote vigués, agora retirado, serviu na diocese de Chiclayo antes da chegada do pontífice ao Perú
Asegura que é un home que escoita con tal proximidade que fai que o interlocutor abra o seu corazón
Desde que o xoves coñecemos o nome do novo papa os medios de comunicación buscamos insistentemente a todos aqueles que o coñeceran cando era o sacerdote, o bispo ou o cardeal Robert Prevost.
O padre Guillermo Areán, que ten 92 anos, vive nesta Residencia Sacerdotal Nosa Señora da Guía, aquí en Teis, en Vigo. En realidade, di que cando el abandonou Chiclayo Robert Prevost aínda non chegara ao Perú. Foi posteriormente, en dúas ocasións cando tivo a oportunidade de conversar con el en dúas viaxes que fixo o vigués ao Perú.
Non son amigos, pero si formou unha opinión del naqueles encontros. Describe o papa León XIV como un home que escoita con tal proximidade e familiaridade que fai que o interlocutor se relaxe, abra o seu corazón e se anime a falar con liberdade.
"E levanteime como movido por un resorte e botei un berro: "Chiclayo!". E claro, as persoas que estaban á miña beira, varios sacerdotes, dixeron: "Que pasa, toleaches?". Pois estaba tolo de satisfacción e de ledicia", conta a TVG o padre Guillermo Areán, que foi sacerdote en Chiclayo durante 28 anos.
Chiclayo, diocese fundada hai setenta anos, en 1956 é o gran nexo de unión entre o padre Guillermo Areán e o papa León XIV. O galego chegou ao Perú no ano 1964. Hoxe recíbenos no seu retiro e leva na man o libro que escribiu: Chiclayo en el corazón. Cóntanos que a primeira vez que volveu ao Perú para unha voda en 2014 tivo o primeiro contacto co hoxe Papa, entón administrador apostólico da diocese, e xa como bispo de Chiclayo en 2018 coincidindo cunha visita do papa Francisco.
"Na primeira vez que falamos el non me preguntou polas cousas en que eu traballara na diocese. Pero na segunda ocasión si que tomou un interese moi grande e estivemos nunha gran conversación na que lle falei de todas as actividades, que foron moi diversas, que tivera eu na diocese de Chiclayo. Vin a súa fondura e a súa delicadeza. Un home tan acolledor e tan interesado..., o que fala desa profunda delicadeza. Eu diría que é moi sacerdote de Xesucristo", engade o padre Guillermo Areán, sacerdote en Chiclayo durante 28 anos.
E unha última curiosidade que nos confesa o padre Guillermo. Ademais de compartiren o amor por Chiclayo, os dous comparten a paixón pola gastronomía peruana, o cebiche, as papas e mesmo o pisco sour.