Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha goleta centenaria participará na campaña de CEMMA para o seguimento de cetáceos

Unha goleta centenaria participará na campaña de CEMMA para o seguimento de cetáceos

A campaña empeza neste mes de maio e prolóngase ata setembro con catro embarcacións que sairán dos portos de Vigo, Cambados, Muros e Fisterra

O prezo do embarque varía en función do barco elixido para participar

G24.gal 10/05/2025 17:49

A campaña para recompilar datos sobre a poboación de cetáceos está xa en marcha e aberta á participación de calquera persoa que queira embarcarse para adquirir algo de formación técnica e educación ambiental.

"O obxectivo é recoller datos da presenza dos cetáceos. Estas campañas baséanse na custodia do territorio, pero trasladando este concepto ao mar, vixiar, facer seguimento, observar, recoller datos sobre plásticos, sobre os cetáceos, ademais dun traballo formativo e divulgativo para todos os participantes que veñan a bordo", di Alfredo López, biólogo de CEMMA.

Haberá saídas desde Muros, Fisterra e Cambados, en distintas embarcacións. Pero a novidade deste ano é esta goleta, Evangelina, con tres saídas programas desde Vigo. Esta embarcación clásica construíuse no Freixo en 1912 para unha conserveira e restaurouse nos Estaleiros Catoira.

"Grazas ao empeño de moita xente, sobre todo a Enrique Rial, de Rianxo, mantívose a flote, colleu a remuda Xoán Silva e desde Bluscus intentamos que a xente coñeza e goce dos segredos deste barco e que a través destas rutas se manteña a flote o barco. Isto é coñecemento e historia viva da cultura mariñeira galega. Pretendemos que a xente, ademais de ver os cetáceos, neste caso nas saídas que facemos co CEMMA e Alfredo, que coñeza tamén a historia do barco, que é a historia da cultura galega", di Pablo Mariño, director de Bluscus, a empresa que xestiona a goleta.

En principio, os participantes deben ser maiores de idade. O prezo do embarque varía en función do barco seleccionado. O de menos capacidade é unha lancha pneumática que fará navegacións máis curtas por Corcubión e o cabo Fisterra.

"O importante é poder saír ao mar, poder gozar do mar, poder coñecer o noso país desde o mar porque moitas veces parécenos moi raro velo desde o mar, e é unha forma de velo. E, se ademais podemos recoller datos sobre estes animais, é fantástico", di Alfredo López, biólogo de CEMMA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade