Os estragos dos lumes ameazan os cursos fluviais
Os técnicos traballan para evitar que as escorrentías acheguen as cinsas aos ríos
Esta semana os operarios están a instalar barreiras nun monte de Vilaboa coa intención de controlar os efectos das choivas
Hai dúas semanas neste monte da parroquia de Santa Cristina de Cobres, no concello pontevedrés de Vilaboa, o lume desataba o inferno. Arderon 70 hectáreas e as lapas chegaron preto das casas. Tras a traxedia, a preocupación hoxe é que a choiva intensa poida arrastrar as cinsas e os refugallos queimados cara aos ríos, e agravar aínda máis os danos no Medio. Técnicos da Xunta comezaron a traballar esta semana no lugar para evitar as escorrentías.
"Facémolo aproveitando a vexetación morta que hai e facendo unhas barreiras transversais con refugallos para facer ese filtro. Despois nos propios cursos fluviais a través dos outros medios que temos, tamén en coordinación coa consellaría e con outras direccións xerais, coa colaboración de Medio Ambiente, tomamos mostras de auga, identificamos a evolución e establecemos filtros con entulleiras e madeira morta nos propios cursos fluviais", comenta Roi Fernández, director de Augas de Galicia.
Para reducir os desprazamentos do chan queimado os operarios instalan entramados de madeira e favorecen a implantación dunha cuberta vexetal que afiance o chan, uns traballos que desenvolve Augas de Galicia nas zonas afectadas da conca hidrográfica Galicia-Costa, que depende competencialmente da Xunta.
"Xa se executaron distintas obras no concello de Ponteceso, estívose en Meaño e tamén en Lousame. Agora estamos en Vilaboa, pero xa hai unha programación continua no resto da xeografía galega onde Augas de Galicia ten as súas competencias", expón Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.
As actuacións continuarán noutros puntos da xeografía galega co fin de reverter canto antes as consecuencias dramáticas dos lumes.