Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez: "Temos o Camiño de Santiago e agora imos ter o Camiño da Costa"

Ánxeles Vázquez: "Temos o Camiño de Santiago e agora imos ter o Camiño da Costa"

A conselleira de Medio Ambiente confirma na Radio Galega a posta en marcha da comisión mixta Xunta-Goberno para o traspaso das competencias do litoral

Unha das primeiras iniciativas será delimitar unha senda peonil que vaia dende A Guarda ata Ribadeo

G24.gal 27/04/2025 09:30 Última actualización 27/04/2025 10:19

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, confirmou na Radio Galega que nos próximos días botará a andar a comisión mixta Xunta-Goberno central para preparar o traspaso das competencias do litoral, que Galicia asumirá o próximo 1 de xullo.

Na entrevista dos domingos, Vázquez explicou que traballan xa nun novo plan para promover o turismo e mellorar a oferta de ocio na costa galega.

Unha das iniciativas é delimitar unha senda peonil que vaia dende a Guarda ata Ribadeo. En xullo comezarán a reunirse cos concellos para ir avanzando nese sendeiro de 1.313 quilómetros.

"Xa temos moitos camiños, pero hai zonas da costa que non están unidas entre si e temos que facer o posible. E ademais, facer esa unión tamén cos núcleos máis próximos. Polo tanto, partindo desa base, a partir do día 1 de xullo comezaremos coas xuntanzas cos concellos porque son os que mellor coñecen o territorio (...). Dámonos de prazo este ano e principios de 2025 para ter todo delimitado, tamén a sinalética para diferenciar a parte peonil da de bicicleta, para que todos os que queiran gozar da paisaxe o poidan facer con total tranquilidade".

Ángeles Vázquez fala dun gran "Camiño da Costa" para atraer visitantes, sobre todo, fóra da época estival. Para asistir a ese turista de inverno, que busca paisaxe, o Goberno galego fala tamén dunha rede de establecementos turísticos, que terán que cumprir unhas normas.

"Non queremos clonar os 'chiringuitos', pero si que haxa unha guía de integración, onde haxa uns materiais específicos, que han de ser sostibles e resistentes, unhas cores homoxéneas, e algo fundamental: que poidan xestionar os servizos: a auga, o saneamento, a recollida de lixo.... E iso é o que vai facer a guía na que xa estamos traballando. Neses 2.555 quilómetros de costa non é o mesmo falar da Costa da Morte ca falar das Rías Baixas. Cada un ten a súa propia identidade, hai que preservar as zonas e hai que avanzar cara a ese 'fermosismo' fantástico na costa".

Co traspaso das competencias do litoral, a Xunta tamén poderá decidir novos usos para construcións con valor histórico e etnográfico sitos na liña de costa. Falamos, por exemplo, de conserveiras, faros ou muíños marítimos. O obxectivo -subliñou a conselleira de Medio Ambiente- é darlles unha utilidade sen poñer en risco o seu valor cultural.

"Por que non utilizar unha conserveira, restaurada como diga Patrimonio, para albergar un fantástico espazo para dar concertos ou mesmo para ser un museo? Pois non había maneira, isto non o conseguiamos co Goberno central, que é un dos motivos polo que tamén loitabamos para ter a xestión".

Para comezar, a Xunta vai catalogar todas as edificacións de interese a pé de costa partindo dun inventario realizado en 2019 que identifica máis de 400 construcións con valor arquitectónico, cultural ou económico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade