Buscan voluntarios para restaurar o único barco a vapor da Península Ibérica
A cambio de 4 horas de traballo diarias, os donos do buque ofrecen aloxamento a bordo dunha das maiores xoias do patrimonio marítimo de Galicia
Buscan voluntarios para restaurar o único barco a vapor da Península Ibérica, o Hidria Segundo, con base en Vigo. A cambio de 4 horas de traballo diarias, os donos do buque ofrecen aloxamento a bordo dunha das maiores xoias do patrimonio marítimo de Galicia.
O Hidria Segundo era un barco alxibe. Vendíalles auga doce aos buques que chegaban á ría de Vigo. Despois de ser rescatado da lama hai máis de 20 anos, e de varios cambios de donos, agora é un museo flotante para pasear pola ría.
"Estamos na cántara. Cargaba en Moaña e vendíalles auga aos barcos da ría. Cargado só se lle vía a varanda", di Carmelo Lauría, contramestre e guía do Hidria.
O Hidria está en plena restauración, sobre todo co motor de vapor, pero ademais, sendo un buque grande de madeira, necesita mantemento diario. Así que os novos donos, a fundación Traslatio, busca voluntarios: a través das redes sociais e tamén en webs de voluntariado a nivel europeo.
"É algo necesario e fundamental. Un barco deste tamaño e histórico, sen un programa de voluntariados, é inviable mantelo anualmente", explica Celso González, director da Fundación Traslatio.
"Levo mes e medio e moi contento", conta o asturiano Daniel Cortega.
"Fai un pouco de todo: desde mantemento de maquinaria ata limpeza e orde. Ten o plus de que traballan 4 horas ao día. Facémoslles actividades como saír a navegar. E organizámoslles actividades para que non vexan que só veñen traballar. Dámoslle aloxamento no barco, dámoslles bicis por se queren ir á praia...", comenta Celso González.
Dentro duns días, o Hidria volverá ter o motor a punto. En cuestión de semanas, volverá ao mar para dar paseos pola ría ou para organizar xornadas e congresos a bordo. Un museo no mar de Vigo.