Máis de 30 persoas falecen no naufraxio dun barco turístico en Vietnam
A embarcación topouse cunha tormenta e foise a pique con 58 persoas a bordo, a maioría de Hanoi
Polo menos 38 persoas morreron e cinco continúan desaparecidas tras o naufraxio dun barco na turística baía de Halong, no norte de Vietnam. Segundo informan fontes oficiais, o avance do ciclón Wipha está a dificultar os labores de busca.
A Mariña vietnamita recuperou durante a noite os cadáveres de tres membros da tripulación, de acordo co medio local VNExpress, tras conseguir darlle a volta ao barco, no que viaxaban 58 persoas.
O diario precisa que tras o afundimento, o sábado pola tarde, dez persoas conseguiron salvar a vida grazas aos servizos de rescate.
O viceprimeiro ministro do país, Tran Hong Ha, que se trasladou ao lugar dos feitos, envioulle as súas condolencias ás familias das vítimas e describiu o suceso como "un accidente lamentable e imprevisto".
Unha tormenta
A embarcación topouse cunha tormenta, segundo VNExpress, que fixo zozobrar o barco, coa maioría da pasaxe procedente de Hanoi, entre ela unha vintena de menores.
As operacións de procura e rescate continúan, nunha carreira contra o reloxo ante o avance do tifón Wipha, que gañou forza tras cruzar Filipinas o pasado venres, con ventos de ata 120 quilómetros por hora.
Agárdase que toque terra no sur da China este domingo e golpee a costa de Vietnam a principios da vindeira semana.