Un barco turístico ofrece rutas para explorar a beleza da costa de Ortegal
A viaxe ofrece unha visión única dos aguillóns e dos cantís do xeoparque
A comarca do Ortegal exhibe un patrimonio paisaxístico e xeolóxico singular, cos cantís marítimos máis altos da Europa continental e UNHAS formacións rochosas inusuais na superficie terrestre.
O porto de Cariño é a base dun pequeno barco que realiza varias rutas para explorar a beleza e a riqueza desta costa aínda por descubrir.
Embarcamos no Monte do Limo nun día nebuloso e de temperaturas agradables. Deixamos atrás o porto de Cariño e poñemos rumbo ao cabo Ortegal. Por diante, unhas dúas horas de navegación para explorar a espectacular paisaxe do xeoparque desde unha perspectiva privilexiada.
"Desde arriba podes ver a inmensidade dos cantís e do mar. Desde abaixo case tocas unhas rochas que teñen esa sona consolidade de ter tantos quilómetros de profundidade, uns setenta. Impresiona", explica Carmen Villarnovo, responsable de MardOrtegal.
Navegamos entre os aguillóns, que marcan a división xeográfica entre o Cantábrico e o océano Atlántico. A ruta ofrece unha visión única dun espazo natural singular dominado por rochas datadas en máis de mil millóns de anos.
"Temos mar, montaña, os cantís máis altos da Europa continental e unha gran biodiversidade", destaca Carmen.
Este será o primeiro verán de navegación para o Monte do Limo e para a empresa MardOrtegal, que ofrece esta e outras rutas marítimas por unha zona aínda por descubrir.
Cada viaxe é unha vivencia diferente, condicionada pola luz, a meteoroloxía e o estado do mar, que definen unha paisaxe cambiante, pero sempre fermosa.