Buscan tres ladroas de pisos gravadas polas cámaras de vixilancia dun portal de Lugo
Os roubos a plena luz do día causan alarma no barrio de Recatelo
Levaron diñeiro e xoias por valor de máis de 15.000 euros
Os roubos producíronse o martes e o mércores pasados, en varias vivendas do céntrico barrio lucense de Recatelo, xunto ao Parque Rosalía de Castro.
Marta Fernández, presidenta da Asociación de veciños de Recatelo, explica que "asaltaron tres pisos en dous portais diferentes onde residen veciños de toda a vida" que levaron un bo susto.
As sospeitosas son tres mulleres estranxeiras captadas polas cámaras de vixilancia dun portal.
"Puidéronse gravar entrando tres señoras e bastante tempo despois saíndo, claro. Foi nun dos portais onde asaltaron dous pisos". Nas imaxes aparecen "perfectamente vestidas, modernas" e levaban bolsos grandes.
Entraron nas vivendas cando estaban baleiras forzando as fechaduras e furtaron xoias e diñeiro en efectivo.
"Diñeiro, xoias e esas cousiñas que temos na casa de valor sentimental que ao mellor é o que máis dano fai".
Estes roubos en domicilios a plena luz do día causan alarma e incredulidade entre os veciños que piden máis efectivos policiais.