Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vaga de furtos nas tendas do centro de Ferrol

Vaga de furtos nas tendas do centro de Ferrol

Os comerciantes piden máis vixilancia policial para disuadir os ladróns

 

G24.gal 20/11/2025 14:10

A escena repítese con cada vez máis frecuencia nas tendas do centro de Ferrol. Individuos que entran con algunha escusa para logo roubar o primeiro que teñan á man. A moitos xa os coñecen, e cando os botan responden con ameazas.

"Eu enfronteime a varios, chameilles a atención e algúns acabaron ameazándome, tiven que chamar á policía", explica Olegario Álvarez, presidente do Centro Comercial Aberto Ferrol-A Madalena.

"Entran como se nada, estamos asustadas, cada día un novo ven por aquí. Nós xa avisamos ao resto de comerciantes da zona para que estean ao tanto. Estamos atemorizadas, todos os días pasa algo".

Na mercería de Olegario entraron ata catro ladróns diferentes no mesmo mes. Actúan con total descaro e non teñen medo ningún das cámaras que os gravan. O certo é que poucos destes episodios rematan en denuncia.

"Dálles igual, saben que polo que rouban non lles vai pasar nada, non teñen medo ningún".

A visita dun individuo ameazando os comerciantes cunha pata de cabra na man, foi a gota que colmou o vaso da paciencia. Piden máis vixilancia policial para poñer freo a un problema que tamén afecta a hostaleiros da contorna.

"Os hostaleiros teñen preocupación porque esta xente tamén rouba bolsos nas terrazas".

"Queremos que patrulle máis a policía na rúa para que non se atrevan a entrar na tenda como se nada, temos medo".

"Pedimos maior seguridade e que haxa unha policía de barrio porque neste tipo de problemas funciona moi ben".

A asociación de comerciantes xa lle trasladou a súa preocupación ao Concello, que se comprometeu a tomar medidas. Os comerciantes agardan que a tranquilidade regrese canto antes, e que as tendas poidan amosar a súa mellor cara para a campaña de Nadal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade