Á prisión dous detidos por roubos con forza en vivendas próximas a Santiago en decembro
Tras conseguiren o seu obxectivo, regresaban ao vehículo e trasladábanse a outro domicilio, en ocasións nas proximidades do anterior, e chegaban a realizar dous ou tres roubos en poucas horas
A investigación continúa aberta e non se descartan máis detencións
Garda Civil / Ministerio do Interior
A Garda Civil detivo dúas persoas como presuntas autoras de varios delitos de roubo con forza en vivendas próximas a Santiago de Compostela o pasado mes de decembro e decretouse o seu ingreso en prisión.
A investigación, tutelada polo Tribunal de Instancia, Sección de Instrución, Praza N.º 2 de Santiago de Compostela, iniciouse a raíz da comisión de varios roubos con forza e, no transcurso desta, os gardas civís actuantes pescudaron que os roubos os levaron a cabo membros dun grupo criminal fincado en Cataluña.
Desde esa comunidade autónoma desprazábanse a distintos puntos do territorio nacional e permanecían no lugar varias semanas para a comisión dos ilícitos.
O modus operandi consistía en trasladarse a zonas residenciais próximas a cidades ou aldeas durante o día para localizar posibles obxectivos e, unha vez seleccionados, realizaban un estudo dos accesos e posibles vías de escape.
Posteriormente, xeralmente á noitiña, desprazábanse no vehículo ata unha zona próxima, permanecía o condutor no seu interior en labores de vixilancia mentres o resto do grupo, unha vez comprobado que no interior non se atopaban os moradores, accedía á vivenda e rexistraba os cuartos principais en busca de xoias e diñeiro en efectivo preferentemente.
Tras conseguiren o seu obxectivo, regresaban ao vehículo e trasladábanse a outro domicilio, en ocasións nas proximidades do anterior, e chegaban a realizar dous ou tres roubos en poucas horas.
A Garda Civil procedeu á detención destas dúas persoas como presuntas autoras de varios delitos de roubo con forza e outro de pertenza a grupo criminal e incautouse dos efectos atopados.
As xoias recuperadas foron restituídas aos seus lexítimos propietarios e queda aínda gran cantidade delas sen entregar.
A investigación continúa aberta e non se descartan máis detencións.