Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido en Vilalba un home por roubar en vivendas, con obxectos subtraídos e danos causados de máis de 35.000 euros

Detido en Vilalba un home por roubar en vivendas, con obxectos subtraídos e danos causados de máis de 35.000 euros

O xuíz decretou para o detido o seu ingreso en prisión provisional como autor dos delitos contra o patrimonio

G24.gal 20/11/2025 12:35

A Garda Civil, no marco da operación Encornet, detivo na localidade lucense de Vilalba ao presunto autor de numerosos delitos contra o patrimonio cometidos en distintos inmobles -a maior parte dos roubos producíronse neste municipio, aínda que a súa zona de actuación era toda a provincia-.

A operación policial, que se prolongou durante varias semanas, permitiu determinar que o detido tiña o seu domicilio fixado na capital da Terra Chá desde o pasado mes de agosto, desde onde se desprazaba a distintas vivendas coa finalidade de subtraer bens, sendo a súa zona de actuación toda a provincia de Lugo.

Durante as investigacións, segundo relata a Garda Civil, puido determinarse que traballaba só e que procuraba en todo momento non chamar a atención, o que dificultou a identificación e localización do presunto autor dos ilícitos. A medida que as investigacións avanzaron puido localizarse un rocho no cal almacenaba parte dos efectos subtraídos, así como os útiles e ferramentas utilizados para cometer os feitos.

As pezas recuperadas foron postas a disposición dos seus lexítimos propietarios. Así mesmo, a esta persoa relaciónana con numerosos danos ocasionados en portais e zonas comúns, onde presuntamente forzaba as fechaduras, manipulaba cadros eléctricos e porteiros automáticos, deixándoos inutilizándoos. Tamén se introducía en garaxes comunitarios coa presunta finalidade de danar os vehículos que alí se atopaban.

Os numerosos feitos denunciados xeraron alarma social na localidade de Vilalba, ao ser o termo municipal que contaba con maior número de prexudicados. O valor dos obxectos subtraídos e os danos ocasionados superan os 35.000 euros, atopándose a operación aberta coa finalidade de esclarecer máis feitos delituosos relacionados coa persoa detida. O detido foi posto a disposición do Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución praza 2, en funcións de garda, que decretou para o detido o seu ingreso en prisión provisional como autor dos delitos contra o patrimonio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade