Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan as mortes de dúas mulleres, nai e filla, en Abegondo

Investigan as mortes de dúas mulleres, nai e filla, en Abegondo

A filla foi atopada morta no seu domicilio, e a súa nai, coa que convivía, tamén faleceu tras ser trasladada inconsciente ao hospital

Arquivo TVG
G24.gal 20/11/2025 10:08 Última actualización 20/11/2025 11:41

Unha muller de 50 anos foi atopada morta en Abegondo, no domicilio que compartía coa súa nai, de 87 anos, quen tivo que ser trasladada ao hospital polo mal estado no que se atopaba e finalmente tamén faleceu, segundo a Garda Civil, que investiga os feitos.

A Instituto Armado informou este xoves de que hai unha investigación aberta para esclarecer o suceso, aínda que o cadáver da filla non presenta signos de violencia.

O suceso causou sorpresa e conmoción no lugar da Peneda, en Abegondo.

"Moito. Porque aí vivía a señora maior, que estaba ben porque ía sempre á horta, e unha filla, que traballaba na Coruña. Mercaran a casa hai pouco... e está un medio enfastidiado".

Un veciño foi o que, este mércores á tarde, ao ver a ambulancia, bombeiros e Garda Civil diante da casa das vítimas, se achegou a ver que pasaba.

"Eu preguntei, e había unha sobriña delas. Tampouco quería amolar. Un bombeiro díxome que había unha falecida e unha señora maior que estaba inconsciente. Non sei máis."

Agora a Garda Civil investiga este tráxico suceso. Polo momento, están abertas todas as liñas de investigación e agárdase polo resultado da autopsia para poder esclarecer que foi o que pasou no interior desta vivenda.

A Garda Civil recibiu a alerta ás 17:00 horas deste mércores cando un particular deu o aviso de que, a pesar de que na casa habitaban dúas persoas, ninguén abría a porta. Foron requiridos os bombeiros para acceder á vivenda, no lugar da Peneda.  

No seu interior atopouse falecida á muller de 50 anos e á súa nai, de 87, na cama inconsciente e "coas constantes vitais moi baixas", polo que foi trasladada ao hospital, onde faleceu na mañá deste xoves.

A investigación segue aberta e estase á espera dos resultados da autopsia.

O 112 Galicia, segundo informou a Europa Press, mobilizou o 061, a efectivos dos bombeiros de Betanzos e de Protección Civil, e a Garda Civil.

"Non se relacionaban con ninguén", manifestou o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, en declaracións a Europa Press, respecto a as dúas mulleres falecidas. Fíxoo tras explicar que "a pesar de que era unha xente que estaba a 350 metros da Casa do concello" non tiñan unha vinculación co municipio. "Compraran unha vivenda hai cinco anos pero non lles poño cara, non as coñecía nin de vista", engadiu.

Os compañeiros de traballo da muller -era enfermeira no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC)- levaban varios días sen ter noticias súas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade