Uns 40 feridos nunha colisión de trens en República Checa
Medios locais apuntan a que unha das locomotoras saltou unha prohibición de circular
Reuters
Unhas 40 persoas resultaron feridas nunha colisión entre dous trens no sur da República Checa, informaron os servizos de socorro á canle CT24.
A colisión entre un tren rápido e outro de proximidade produciuse pouco despois da 06:00 hora local (05:00 GMT) entre as localidades de Sliv e Divcice, sen que aínda se coñezan as causas do sinistro.
Entre as vítimas hai cinco persoas que se atopan en estado grave, explicou unha portavoz do hospital de Ceske Budejovice, ao sur de Bohemia, onde foron trasladados os feridos de maior gravidade.
O resto dos feridos sufriron lesións leves e puideron ser atendidos polos servizos de socorro no lugar do sinistro.
Os condutores de ambas as dúas locomotoras foron sometidos a senllos test de alcol e deron negativo.
O portal Zdopravy, dedicado á información de transporte, avanzou que é probable que o tren, que unía as localidades de Pilsen e Ceske Budejovice, “saltase un semáforo que prohibía o tráfico”.