Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso volve derrogar a moratoria de desafiuzamentos e valida a subida de pensións

O Congreso volve derrogar a moratoria de desafiuzamentos e valida a subida de pensións

A maioría que suman o PP, Vox e Junts rexeitou a prorrogación ata fin de ano da moratoria dos desafiuzamentos de familias vulnerables e outras medidas do escudo social

O Congreso, case unánime, valida as axudas ás vítimas de Adamuz e Gelida

O Congreso rexeita topar os prezos de servizos esenciais en situacións de emerxencia

A revalorización das pensións saiu adiante cunha ampla maioría de 317 votos a favor e 33 en contra, os deputados de Vox.
G24.gal 26/02/2026 08:12 Última actualización 26/02/2026 15:41

O pleno do Congreso, coa maioría que suman o PP, Vox e Junts, derrogou por segunda vez nun mes o decreto que prorroga a suspensión dos desafiuzamentos de familias vulnerables e outras medidas do chamado escudo social, como a prohibición de cortar as subministracións básicas.

O decreto -que foi rexeitado por 172 votos a favor, 177 en contra e unha abstención (UPN)- inclúe tamén outras medidas de diversa índole, como a conxelación das cotas dos traballadores autónomos, as axudas fiscais para a compra de vehículos eléctricos e para os afectados pola dana e os incendios, así como a actualización das entregas a conta das comunidades autónomas e entidades locais en 2026.

Outras das medidas que quedan sen efecto coa derrogación deste decreto son a prohibición de despedimento para empresas beneficiarias de axudas públicas, a eliminación da obrigación dos perceptores de prestacións por desemprego de presentar a declaración da renda e a suspensión da causa de disolución por perdas provocada por diversos acontecementos naturais.

O Goberno separou a revalorización das pensións para 2026 e o escudo social en dous decretos distintos, despois de que eses grupos rexeitasen en xaneiro un decreto ómnibus que contiña todas esas medidas mais outras de índole fiscal e empresarial co argumento de que a moratoria dos desafiuzamentos supón protexer a ocupación.

Este xoves, o Congreso validou, co único rexeitamento de Vox, o decreto lei que revaloriza as pensións un 2,7 % con carácter xeral, que chega ao 7 % no caso das mínimas e ao 11,4 % para as non contributivas e o ingreso mínimo vital.

O decreto foi aprobado cos votos a favor de toda a Cámara, salvo Vox, e será tramitado como proxecto de lei, despois de que o Goberno volvese traelo ás Cortes de forma separada do decreto que inclúe o escudo social.

Case unanimidade para validar as axudas ás vítimas de Adamuz e Gelida

O pleno do Congreso aprobou por 349 votos a favor e un en contra, por erro da vicepresidenta primeira, o decreto-lei que establece as axudas ás vítimas dos accidentes ferroviarios de Adamuz (Córdoba) e Gelida (Barcelona) e que alcanzan os 216.000 euros para as familias dos falecidos e os 252.000 euros para os feridos con lesións máis graves.

A norma establece que os familiares dos (47) falecidos recibirán, nun prazo inferior a tres meses, un total de 216.000 euros, dos cales 72.000 euros son de axuda directa do Estado, exenta de IRPF e non reembolsable, outros 72.000 de anticipo do seguro de responsabilidade civil e 72.000 máis do seguro obrigatorio.

Pola súa banda, os feridos (164) clasifícanse en catorce categorías, segundo a gravidade das lesións, con axudas directas que van desde os 2.404 aos 84.141 euros e que tamén se triplican con anticipos e seguros, ata alcanzar os 252.000 euros nos casos máis graves.

Durante o debate, todos os grupos parlamentarios deron mostras de respecto, pesar e solidariedade coas vítimas e as súas familias e, mentres que os máis próximos ao Goberno pediron celeridade na investigación das causas, a oposición volveu a pedir a dimisión do ministro de Transportes, Óscar Puente.

O decreto-lei defendeuno o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, que destacou que a norma "non prexulga as responsabilidades nin interfere nas investigacións en curso".

Torres subliñou tamén que o obxectivo do Goberno con este decreto é o de "outorgar rapidamente as axudas", que se poden solicitar ata o 4 de maio e puxo como exemplo de celeridade que as oficinas de Huelva e Barcelona se abriron o mesmo día que o decreto se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Tras defender a "seguridade da rede ferroviaria", o ministro manifestou o compromiso do Goberno coa investigación, a transparencia informativa e a adopción de medias correctoras "cando cumpra".

O deputado do PP Bartolomeu Madrid dixo que o "si" do seu grupo é un "si a favor das vítimas" e un "non ao esquecemento, que non é unha opción en democracia", como ao seu xuízo demostra a comisión de seguimento anunciada polo presidente andaluz Juanma Moreno.

Tamén a deputada de Vox Carina Mejías arremeteu contra Puente, ao que acusou de mentir e de non "dar a cara" ante o pleno e as vítimas, e quen debe -remarcou- deixar o seu cargo.

Grupos como ERC e Podemos aproveitaron a súa intervención para pedir ao Executivo que poña fin a externalizacións e "privatizacións encubertas" nun servizo esencial como o ferrocarril.

Pola súa banda, o PNV esixiu que "se aclare o alcance das exencións fiscais para que as familias non teñan que litigar con Facenda" e que a administración actúe "coa máxima dilixencia para que ningún expediente sufra atrasos". "Non deben cumprir os prazos, deben batelos", reclamou.

En nome de Junts, o deputado Isidre Gavin chamou a "non utilizar o drama nin as vítimas cando se formulan posicións políticas" e a que o Goberno faga un "traspaso integral como Deus manda" a Cataluña de Rodalies.

Mikel Otero (Bildu) apuntou que, ao seu xuízo, o accidente de Adamuz foi o resultado de "algo máis profundo" que un feito puntual e fortuíto e que vinculou co "escaso financiamento".

Desde Sumar, Felix Alonso asegurou que o Goberno fará unha "reavaliación da política ferroviaria cunha mirada ampla", unha vez que se coñezan as causas do accidente de Adamuz, mentres que a socialista Rafaela Crespín eloxiou o labor do hospital de Córdoba que atendeu ás vítimas e do alcalde de Adamuz, Rafael Ángel Moreno, que seguiu o debate xunto ao seu equipo de goberno desde a tribuna de invitados do hemiciclo. 

O Congreso rexeita topar os prezos de servizos esenciais en situacións de emerxencia

O pleno do Congreso rexeitou, cos votos de PP, VOX e Junts, o decreto lei para topar os prezos de produtos e servizos esenciais en situacións de emerxencia, unha norma que pretendía que ningunha empresa poida "facer caixa á conta da vulnerabilidade da cidadanía".

Así o indicou este xoves o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, durante a defensa deste decreto que foi aprobado o pasado 10 de febreiro en Consello de Ministros para evitar subidas abusivas para os consumidores como as denunciadas tras o accidente de tren en Adamuz (Córdoba), que causou un aumento de prezos nas aerolíneas.

O ministro lamentou que coa oposición a esta medida "estaríanse a avalar prácticas abusivas e indefendibles e protexendo a quen busca lucrarse sen escrúpulos", e quixo insistir en que non afecta aos pequenos comerciantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade