Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP leva ao Congreso o seu plan para Ceuta: expulsións máis áxiles e reforzo policial

O PP leva ao Congreso o seu plan para Ceuta: expulsións máis áxiles e reforzo policial

Os populares tamén propoñen medidas para garantir a seguridade e o control na fronteira de xeito permanente

Piden ademais "reorientar" as relacións bilaterais con Marrocos sobre os principios de "respecto e reciprocidade"

Traslado dun grupo de mulleres aloxadas nun polideportivo en Ceuta. EFE/Reduán Traslado dun grupo de mulleres aloxadas nun polideportivo en Ceuta. EFE/Reduán
G24.gal 05/09/2026 11:23 Última actualización 05/09/2026 13:28

O PP leva ao Pleno do Congreso desta semana as súas propostas para afrontar a crise de Ceuta. O plan contempla o reforzo da fronteira, o aumento das forzas de seguridade e a incorporación de persoal funcionario para axilizar as expulsións.

A proposición non de lei, recollida por Europa Press, baséase en catro piares: infraestruturas, medios humanos, tecnoloxía e reformas legais.

En materia de persoal, pide a incorporación de axentes da Garda Civil e da Policía Nacional; a creación de unidades de Estranxeiría na cidade autónoma; máis profesionais sanitarios e o aumento de xuíces e fiscais.

No apartado lexislativo, propón modificar a Lei de Estranxeiría para estender o réxime de rexeitamento en fronteira ás entradas irregulares por vía marítima.

Tamén suxire a reforma da Lei de Asilo "de xeito que unha entrada pola forza non abra automaticamente o mesmo procedemento que unha solicitude presentada conforme a dereito".

A proposición, rexistrada a mediados de agosto, insta así mesmo ao Executivo a activar "de xeito inmediato" os procedementos previstos para o retorno voluntario ou a expulsión de todas aquelas persoas que accederon ilegalmente a España.

Fronteira de El Tarajal. EUROPA PRESS/Marcos Moreno Fronteira de El Tarajal. EUROPA PRESS/Marcos Moreno

Seguridade da fronteira

Ademais, reclama utilizar todos os instrumentos xurídicos nacionais e europeos dispoñibles para defender a integridade territorial de España e garantir a seguridade da fronteira.

Do mesmo xeito, propón solicitar a activación dos mecanismos previstos no regulamento comunitario para situacións de crise e instrumentalización.

Os populares solicitan tamén o despregamento inmediato do servizo de fronteiras europeo Frontex e das unidades necesarias, incluídas as de intervención rápida.

Neste sentido, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este mércores no Congreso que España que solicitará a "presenza permanente" de Frontex no porto e no espigón de Ceuta. Bruxelas está á espera das aclaracións do Goberno para tomar unha decisión.

Inclúe ademais tres reclamacións que o Executivo xa materializou: declarar a situación de interese para a Seguridade Nacional, convocar o Consello de Seguridade Nacional e nomear unha autoridade para coordinar as actuacións e os recursos en Ceuta.

A persoa encargada deste cometido é o ministro de Administracións Públicas Ángel Víctor Torres.

Refuxio provisional. REUTERS/Violeta Santos Moura/Arquivo Refuxio provisional. REUTERS/Violeta Santos Moura/Arquivo

"Nin ameazas nin chantaxes" con Marrocos

En relación con Marrocos, o PP pide "reorientar" as relacións bilaterais sobre os principios de "respecto e reciprocidade", sen admitir "ameazas nin chantaxes" e reafirmando que a integridade territorial de España "non se cuestiona nin en Ceuta, nin en Melilla, nin nas augas españolas".

A iniciativa tamén insta ao Goberno a promover ante as institucións da Unión Europea o recoñecemento da situación "singular e excepcional" de Ceuta e Melilla cun tratamento equivalente ao que reciben as rexións ultraperiféricas en fondos, fiscalidade e fronteiras.

Ademais, quere que ambas as dúas cidades dispoñan de representación propia na delegación española do Comité Europeo das Rexións.

Traslado de persoas migrantes. REUTERS/Violeta Santos Moura Traslado de persoas migrantes. REUTERS/Violeta Santos Moura

Máis de 650 millóns de euros

A formación liderada por Alberto Núñez Feijóo tamén pide aprobar, de acordo coas cidades autónomas e con participación da súa sociedade civil, un Plan de Reactivación Económica de Ceuta e Melilla dotado con "polo menos 650 millóns de euros" entre 2027 e 2032.

O PP propón incluír unha Lei de Réxime Especial de Ceuta e Melilla que blinde un marco fiscal e investidor estable e garanta legalmente bonificacións á Seguridade Social do 50% e do 75% nas actividades económicas que se determinen.

A proposta incorporaría incentivos económicos e investimento público especialmente para o comercio, a hostalería e o persoal autónomo e melloras da conectividade coa Península.

Formula do mesmo xeito un plan de choque contra o desemprego xuvenil; medidas para facilitar o acceso á vivenda e unha maior presenza estrutural do Estado mediante o reforzo de Sanidade, Educación, Xustiza, Forzas e Corpos de Seguridade e Forzas Armadas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade