Ana Pontón cualifica de "colonial" o modelo mineiro de Galicia
A voceira nacional do BNG rexeita o proxecto para extraer litio en Ourense declarado como estratéxico pola UE
Ana Pontón afirma que o modelo mineiro de Galicia é propio das colonias e rexeita que se exploten os recursos aquí e que o valor engadido se cree fóra da comunidade.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, a voceira do BNG criticou que se queira explotar unha mina de litio en Ourense pero que a fábrica de baterías de litio non se instale aquí senón en Zaragoza.
“O mínimo é que se se van explotar os recursos naturais de Galicia, a transformación e o valor engadido se faga neste país… senón ao que nos destinan é a ser unha colonia enerxética mineira de onde nos levan os recursos naturais e aquí non se crean postos de traballo de calidade”.
Pontón acusou o Partido Popular de carecer dunha política industrial e de ser o responsable da desaparición de 34.000 postos de traballo dende 2008.
“Perdéronse dende 2008 máis de 34.000 postos de traballo da industria e isto é responsabilidade dun goberno do PP que non está a defender os intereses da industria nin de Galiza senón os intereses dalgunhas multinacionais e eles saberán por que”.
A voceira nacionalista indicou que a nósa é unha comunidade con moitas vantaxes e recursos como a capacidade para xerar electricidade e criticou que isto non sirva para que a xente teña a luz máis barata.
“Temos unha vantaxe que é a produción de electricidade, pero non se está utilizando nin para que a xente deste país teña a luz máis barata nin para industrializar Galicia. Ao contrario, o PP defende un modelo que o único que fai é o espolio eléctrico deste país”.
Pontón tamén sacou peito da oposición do BNG á fábrica que Altri pretendía erguer en Palas de Rei.
“O BNG está sempre a favor dos intereses deste país e estou moi orgullosa de que formaramos, xunto con milleiros de persoas, parte dun movemento que dixo con claridade que non quería un proxecto industrial contaminante porque o que quería facer o Partido Popular era colocarnos aquí unha bomba ambiental”.
Noutra orde de cousas, reclámoulle ao goberno galego que adopte medidas para combater a inflación nun momento no que a cesta da compra, os combustibles e a electricidade están disparados.
Ana Pontón explicou que lle pediu á Xunta un plan por valor de 400 millóns que inclúa medidas para reducir o custo dos alimentos, a gratuidade dos libros de texto, que os comedores escolares sexan universais e medidas para acceder á vivenda o que, segundo afirma, cada día é máis difícil.
"O que me preocupa é que en Galicia a inflación estea a subir máis que a media e , polo tanto, a xente deste país está a perder máis poder adquisitivo".
Eleccións
A voceira do BNG asegura que a formación está nun bo momento e que nas próximas eleccións “imos ir a por todas”.
“Os gobernos do BNG son exemplos de transformación, de avance e queremos estender ese modelo de éxito a máis concellos. Estou convencida de que seremos a forza política que máis vai subir”.
En relación cos comicios xerais, que tocan en 2027, Pontón indicou que “o máis útil para Galiza é “ter unha forza política coas mans libres”.
“O BNG non está en Madrid para apoiar a Pedro Sánchez senón para defender os intereses dos galegos e das galegas”.
Pola contra, indicou, o Partido Popular e Rueda “están no non a Galiza”. Tamén acusou o presidente da Xunta de facer boicot para impedir que Galicia teñan a titularidade da AP-9.
“Non é comprensible que teñamos un presidente da Xunta que di non a unha quitación de catro mil millóns de euros de débeda que negociou o BNG e que nos vai supór máis recursos para educación, para sanidade, para políticas de vivenda e boicoteando que teñamos unha AP-9 galega e traballando en contra dos intereses deste país".
Financiamento autonómico
Ana Pontón afirma que dende o BNG “rexeitan de plano” o modelo de financiamento autonómico que propón o Goberno central e asegura que impedirán, co seu voto, que saia adiante.
“O que é importante é que Galiza poida ter un modelo propio, que teñamos a chave dos nosos cartos porque o Estado recada no noso país máis do que inviste”.
Á vez critica que, ao seu xuízo, o goberno autonómico careza dunha proposta propia.
“O que é grave é que teñamos un goberno galego que, en vez de defender os intereses do país, estea a defender o argumentario que lle mandan dende Génova e que sexa incapaz de impoñer unha proposta propia”.
Ceuta
A voceira nacional do BNG critica a xestión do Goberno pero tamén o papel da dereita nesta crise.
“Creo que o Goberno non estivo á altura na análise do risco e na xestión posterior pero ao mesmo tempo paréceme lamentable o papel da dereita extrema do Partido Popular e da extrema dereita que están intentando utilizar o tema de Ceuta para difuncir políticas de odio, racistas, de xenofobia e demostrando unha grande hipocrisía".