Ingresada na UCI a escaladora que caeu dende case quince metros de altura en Ponteareas
É unha deportista con experiencia que levaba o equipamento de seguridade axeitado
Os bombeiros tiveron que sacala en andas porque ao lugar non poden chegar vehículos
Grave accidente de escalada en Ponteareas. Unha muller que se exercitaba na zona da Picoña quedou ferida ao caer dende o alto dunha das paredes, a case quince metros de altura. É unha deportista con anos de experiencia e que, segundo os seus compañeiros, levaba o equipamento de seguridade axeitado pero que, ao facer unha manobra, se precipitou ata o chan. A vítima estaba consciente pero tiña golpes, dor e dificultades para respirar.
"Levaba arnés e casco... Cando chegamos nós, xa estaban os sanitarios valorándoa e estabilizándoa", relata José Rodríguez, bombeiro-condutor do servizo municipal de Ponteareas.
Os bombeiros tiveron que intervir porque o accidente ocorreu nunha zona á que non poden chegar vehículos. A ambulancia tivo que parar na estrada e os bombeiros, coa axuda doutros axentes de seguridade, levaron a vítima en andas, por un carreiro, durante uns cen metros.
"É facer a manobra que se chama a da Ponte e é movela todos á vez. Temos que ter coidado en movela todos á vez para non agravar as posibles lesións", explica Mateo Agromayor, outro dos bombeiros de Ponteareas que participou no rescate.
A zona da Picoña é un lugar habitual de escalada deportiva. Alí hai un sector catalogado de nivel 6 a 8, o que significa dificultade media-alta. Hai paredes de ata quince metros de altura e con inclinación de máis do noventa por cento. A muller ferida ten anos de experiencia.
"É un sector relativamente novo aquí en Galicia e é unha zona, digamos, de dificultade. A persoa que adoita vir aquí, xa ten experiencia ou unha condición física apta para este tipo de escalada", asegura Hugo García, un escalador que este venres estaba asaltando unha parede no mesmo penedo do accidente.
A escaladora ferida ten uns cincuenta anos de idade. Levárona ao hospital e foi ingresada na UCI.