Publicador de contidos

Publicador de contidos

Burela, punto de encontro náutico-pesqueiro ata o domingo con Expomar

Burela, punto de encontro náutico-pesqueiro ata o domingo con Expomar

A feira do sector náutico-pesqueiro levaba catro anos sen celebrarse 

Os organizadores teñen moi boas expectativas para esta edición número dezanove

G24.gal 10/05/2023 14:47 Última actualización 10/05/2023 15:16

Abre en Burela Expomar, a feira monográfica do sector náutico-pesqueiro. Levaba catro anos sen celebrarse. E era moi agardada, despois da parada obrigada pola pandemia. 

Os organizadores teñen moi boas expectativas para esta edición, a número dezanove. Supera todas as cifras de anos anteriores. A superficie de exposición chega aos 5.000 metros. Hai máis de 300 marcas representadas e case o 30 % dos expositores son novos.

Expomar será durante catro días punto de encontro da pesca e a industria naval, na que quere ser a edición máis internacional dunha feira referente en España. Alejandro Gil, de BTMiberia considera que é fundamental para: "Ter un intercambio cos armadores e pescadores. Saber que están necesitando e que están demandando"

Aquí exhíbense as últimas novidades en tecnoloxía, equipamento e seguridade dos buques. Jesús Heleno, de Seaman Europa explícanos o uso dunha sonda: "Os peixes, ademais da potencia de refracción que teñen, fan unha marca acústica no mar. Nós despois de recibila podemos axudar a identificar a especie ao patrón, ademais tamén podemos medir o tamaño do peixe e iso é moi importante".

Pero Expomar non é só unha feira. É tamén foro de debate, que desta volta tratará os parques eólicos mariños, o peixe na dieta ou a protección dos traballadores do mar. E esta tarde acolle o pleno do Consello Galego da Pesca, que analizará os retos do sector.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana avanzaba na inauguración que "temos ante nós importantes desafíos: a resolución ao recurso do veto da pesca de fondo, o proceso de descarbonización da frota ou o avance nas garantías na remuda xeracional".

E neste empeño hai atractivos para o público en xeral, como explica José M. González Brais, xerente da Fundación Expomar: "Queremos que a xente se achegue cada vez máis ao sector para ver se ese relevo xeracional pode dar un cambio".

Tamén visitas a bordo de barcos amarrados no porto, como o Museo Bonitero Reina del Carmen ou embarcacións de Salvamento Marítmo e da Garda Civil. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade