Bueu e Cangas retoman a campaña do ourizo
Volve cun prezo por enriba dos 14 euros

O ourizo regresa ás lonxas do Morrazo, e os mariñeiros recíbeno cos brazos abertos. Sobre todo porque xa no inicio da campaña volve cun prezo por enriba dos 14 euros e mesmo tocando os 15 no caso de Bueu. Algo positivo para as confrarías, xa que no arranque da campaña anterior estaba nos 12 euros.
O ourizo converteuse xa nun dos produtos con maior demanda e facturación. O sector está a poñer medidas para garantir un prezo mínimo e preservar o recurso. A demanda vén sobre todo de fóra: de Francia e Italia.
O plan de explotación permite ata 100 quilos por embarcación, pero por decisión propia as confrarías impoñen un tope de 80. A temporada dura seis meses, e os mariñeiros agardan superar os 400.000 euros de facturación.
Por outra banda, hoxe arranca a campaña de libre marisqueo en Arousa. Volve a actividade polo tanto para decenas de barcos nos Lombos, o Bohído e Cabío.