Breogán e Obradoiro poden facerse favores mutuos esta fin de semana
O Breogán xoga contra Zaragoza, rival directo do Obradoiro, e os santiagueses reciben o Gran Canaria, na pelexa polo play off
Breogán e Obradoiro poderían axudarse mutuamente esta fin de semana. Os lucenses mídense co Zaragoza, rival do Obradoiro na pelexa pola permanencia. Os santiagueses co Gran Canaria, rival dos de Mrsic polos postos de play off. Pero vaiamos co inmediato, co encontro do sábado. Examínase o Breogán ante un recuperado Zaragoza que, malia todo, segue batallando por evitar o descenso. No Pazo non xogará Musa quen, por certo, xa conta coa alta hospitalaria. Mrsic pídelles aos seus que dean un paso adiante neste esprinte final polas oito primeiras prazas.
Con 10 vitorias no peto, o Obradoiro recibe o domingo no Sar a Gran Canaria, sétimo clasificado. O triunfo ante o Burgos da pasada semana deulles folgos aos composteláns na pelexa por eludir os postos de descenso. O desta fin de semana será o primeiro dos tres encontros, e ante tres grandes, que os de Moncho Fernández disputarán na casa no treito decisivo da temporada.
O Obradoiro volve a Sar tras varias saídas consecutivas. Amais de reencontrarse cos seus afeccionados farao con Artem Pustovoy, arestora xogador do Gran Canaria.