O Breogán cae con honores na Basketball Champions League
Entrou con opcións de superar a eliminatoria nos últimos minutos, pero acabou perdendo por 86-76
Rematou a aventura europea do Río Breogán. Realizou unha gran eliminatoria contra o Karsiyaka turco pero os pequenos detalles no treito final do partido impediron a fazaña.
Agardábase unha saída moi forte do Karsiyaka e o ritmo anotador dos locais foi infernal nos primeiros cinco minutos (19-12). O Breogán aguantaba consciente de que era imposible manter ese acerto pero os medos comezaron a aparecer mediado o segundo cuarto cando se foron de trece puntos (38-25). Parecía complicarse a eliminatoria pero os galegos, da man dun Nakic moi inspirado, conseguiron regresar ao partido e foron ao descanso catro abaixo (43-39).
No terceiro cuarto tocou de novo escapada do Karsiyaka, desta volta con doce de diferenza (54-42). Na dificultade volveu a mellor versión do Breogán que se achegou a seis puntos ao remate do período (62-56), chegou a poñerse a un cunha tripla de Rudan (67-66) e empatou grazas a un palmeo de Rudan (70-70) a catro minutos do final.
Pero aí apagouse a luz ofensiva lucense. O Karsiyaka acadou un parcial de 9-0 que sentenciou o partido e a eliminatoria. O partido acabou cun 86-76 e cun Breogán que caeu con honores na súa segunda aventura europea.