Sergi García destapa o tarro das esencias para que o Breogán acade un triunfo vital
O base, maxistral na dirección, anotou os seis últimos puntos que lle deron a vitoria diante do Granada (85-79)
Sergi García destapou o tarro das esencias o foi a peza chave para que o Breogán sumase un triunfo vital diante do Granada. Anotou 22 puntos, repartiu 5 asistencias e, por riba de todo, foi o que anotou os seis últimos puntos do seu equipo que se complicou un partido que tiña encamiñado.
Entrou McLemore con moita personalidade con seis puntos liderando o ataque do Breogán. Colleu a remuda Momirov e o Breogán conseguiu marchar doce arriba (20-8). O primeiro cuarto rematou cunha gran secuencia de anotación para o equipo galego (25-13).
Granada tentou reaccionar no segundo (27-20), pero o Breogán volveu a marchar por riba dos dez puntos con outra tripla de McLemore (35-26). Mesmo chegaron a ter unha diferenza de 16 tantos (52-36) para ir ao descanso doce arriba (52-40).
Todo ía sobre rodas (60-44) ata que o Breogán entrou nunha crise e recibiu un parcial de 2-18 que igualou o encontro (62-62). O drama apoderouse do Pazo cando Granada acadou unha diferenza de cinco puntos (70-75) pero apareceu o carácter dos de Lugo. Quintela e Nakic igualaron (79-79) e foi Sergi García o que decidiu o partido, con seis puntos consecutivos (85-79).