Brais Méndez pasa o recoñecemento co Celta pero está moi preto da Real Sociedade
O equipo donostiarra ofrece unha cantidade próxima aos 15 millóns de euros
Brais Méndez, un dos estandartes da nova xeración de canteiráns do Celta, está moi preto de asinar un contrato coa Real Sociedade para as vindeiras seis temporadas. O club recibiu unha oferta que estaría próxima aos 15 millóns de euros.
Á espera de que se peche a negociación, Brais pasou o recoñecemento médico para poñerse ás ordes de Coudet o vindeiro luns. O mosense foi un dos xogadores máis empregados polo adestrador arxentino a temporada pasada (máis de 3.000 minutos e catro goles). Con Coudet Brais Méndez experimentou unha grande mellora no seu rendemento. A campaña 20-21 tamén resultara brillante anotando 9 goles (o seu mellor rexistro como profesional) en 34 partidos.
A súa marcha deixaría un oco importante no equipo pero moitos cartos co que a dirección deportiva tería marxe para acometer as numerosas fichaxes que se agardan nas vindeiras semanas.