Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bos resultados no inicio da campaña do polbo, con 290 toneladas capturadas en menos dun mes

Bos resultados no inicio da campaña do polbo, con 290 toneladas capturadas en menos dun mes

Sobe tamén o prezo en lonxa, cunha facturación de 3,3 millóns no que levamos de xullo

As confrarías de Ribeira e Bueu duplicaron as capturas do ano pasado

G24.gal 26/07/2025 14:39

Aínda non hai un mes que abriu a campaña do polbo e xa se comercializaron 290 toneladas nas lonxas galegas. As boas capturas e os prezos nótanse principalmente nas lonxas de Ribeira, Bueu e Vigo, onde máis capturan. Despois de tres meses parados o sector está vendo os resultados dunha explotación sostible.

No que levamos de xullo a campaña do polbo deixa uns resultados que había tempo que non se vían, duplicaron en moitas confrarías a cantidade de capturas do ano pasado. É o caso de Bueu.

"Este mes estase comportando moi ben, excelentemente ben. Se facemos unha comparativa dos anos 23, 24 e 25 vese. No 2023 vendéronse 19 toneladas, baixou en 2024, a 17 e este ano levamos case 45. Polo tanto a diferencia é abismal", asegura José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu.

Tamén en Ribeira capturaron nestas últimas semanas 75 toneladas e en Vigo 26. A cantidade non fixo minguar os prezos, porque a calidade, din os mariñeiros, é boa.  

"O prezo medio no ano 2023 estivo nos 11 euros, baixou a 10 e algo en 2024, e a 12,60 euros o prezo medio deste ano. Mellorou en todos os aspectos", detalla Rosas.

No mes de abril a parada biolóxica prohibiu a pesca do polbo e xunto coa veda de maio e xuño protexeuse a época de reprodución. As confrarías aseguran que se pode comprobar o resultado dunha explotación sostible.

"As evidencias non se negan. É claro e evidente que a recuperación foi bestial. Hai que ser prudentes. Ao inicio da campaña había moito polbo grande, de máis de dous quilos. Isto faille coller a todo o mundo a cota e como se mantivo todo o mes os quilos foron lineais." di o patrón maior de Bueu

A campaña é longa e hai que ver como se comporta o recurso, pero as espectativas do sector son boas tamén para o que queda, que será ata abril ou maio segundo se volva regular a explotación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade