Boas perspectivas de recuperación dos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra
Estudos preliminares avalan a eficacia das restricións de cota e días de traballo aplicadas conxuntamente nos bancos marisqueiros de San Telmo, Raxó e Lourizán
As mariscadoras de a pé de San Telmo, Lourizán e Raxó, en Pontevedra, levan un ano desde a aplicación de medidas pra recuperar os bancos de ameixa tras detectaren un descenso acusado de xuvenís. Reduciron cotas e días de traballo para propiciar o desenvovlemento da cría e poder seguir co principio de trasladar dunha zona a outra semente sen ter que mercala. O plan está a resultar positivo a pesar do sacrificio económico.
Mari Carmen Vázquez, patroa maior da confraría de Lourizán refírese á última información que lle facilitou o biólogo: "Nestes momentos está controlada, porque tiveron que empezar a facelo xa o ano pasado por suxestión da asistencia técnica: reducir cotas e, neste caso, quitar días polo problema de recrutamento ao fallar o desove. Polo que se se quería traballar durante todo o ano sen problema era mellor baixar algo as cotas e baixar os días de faena e así,m poder recuperar co tempo".
As análises preliminares din que a recuperación dos bancos avanza, como explica a patroa maior da confraría de Lourizán, que canda a de Raxó e San Telmo venden na lonxa de Campelo. Pero, de momento, o estudo non está completo, segundo lle manifestou o técnico.
"Que si está a haber semente para trasladar a zonas que a precisan. Iso pode reflectir que a cousa vai mellor. Pero tamén xa se empezaron a subir algo as cotas, xa se está a coller ameixa e berberecho, neste caso a xapónica e berberecho nun día e xapónica e fina noutro día, combinando determinadas especies para que vaia isto un pouco mellor. Pero, ben, segundo o que me dixo el (o técnico) algo máis de recrutamento hai , pero ata que complete o estudo final non sabemos", conclúe Mari Carmen Vázquez, a patroa maior da confraría de Lourizán.