Boa calidade nas uvas do Ribeiro, pero menos rendemento
A vendima arrincou cunha semana de adianto pola seca e as altas temperaturas do verán
A cooperativa do Ribeiro calcula rematar a mediados de mes
A Finca San Cibrao, en Ribadavia, é das máis fotoxénicas da denominación de orixe do Ribeiro. Con vistas ao río Miño e o encoro de Castrelo, presume de panorámicas, pero tamén de uvas. As deste ano, están saíndo boas.
Carlos Alberte, director de Viticultura da cooperativa Viña Costeira do Ribeiro: "A uva está entrando moi sa. Cuantitativamente algo menos do esperado, pero cualitativamente é fantástica".
Empezaron coas castes máis adiantadas, o godello e o albariño, e agora están xa coa treixadura.
"Aquí podedes ver onde lle deu máis o sol. Onde estaban as follas están algo máis verdes, pero o punto de maduración é óptimo porque xa fixemos os controis de maduración", explica Pilar Justo, traballadora da cooperativa.
Pili leva toda a vida vinculada ás vides. Primeiro vendimando e agora como traballadora da cooperativa do Ribeiro.
"A vendima para min é unha festa. Vén todo o mundo. Ata os familiares que non veñen polo Nadal", comenta.
O traballo é duro e intenso. En dúas semanas, que é o que calculan que se vai prolongar, non hai sábados nin domingos. "
Empezamos ás 8 da mañá e acabamos ás catro e media da tarde, con media hora para almorzar". "Hai que apartar as follas e botar as uvas limpas para as caixas", explican dous xornaleiros.
A esta zona non chegaron os incendios, pero nas Regadas, en Beade, si hai danos.
"As marxes sobre todo víronse bastante afectadas. Tamén hai acios afectados. E sobre todo, mingua produtiva porque esa calor aféctalle á planta", explica Carlos Alberte sobre a afectación dos lumes.
A do Ribeiro é a denominación de orixe máis antiga de Galicia e a segunda en produción, tras as Rías Baixas. O ano pasado vendimaron 11 millóns de quilos de uvas.