Publicador de contidos

Publicador de contidos

Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas 2026

Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas 2026

A escritora e xornalista viguesa será a autora homenaxeada en 2026

O plenario valorou a riqueza da súa obra literaria e tamén a súa traxectoria profesional," en defensa dunha profesión xornalística independente e crítica" nos medios públicos galegos

Begoña Caamaño desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional como xornalista na Radio Galega

 

Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014)
G24.gal 20/06/2025 13:11 Última actualización 20/06/2025 13:48

A xornalista e escritora Begoña Caamaño foi elixida este venres protagonista das Letras Galegas 2026. O plenario valorou a súa riqueza literaria e tamén a súa traxectoria profesional en defensa dunha profesión xornalística independente e crítica, segundo explicou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

A proposta de Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014) foi discutida xunto coa de Antón Tovar, Enrique Labarta Pose e Miguel González Garcés.

Caamaño foi elixida en primeira votación con maioría absoluta, por diante de González Garcés, que quedou en segundo lugar. Monteagudo destacou da escritora a súa "obra literaria e narrativa" sobre a mitoloxía clásica e artúrica, xunto coa súa "traxectoria profesional como xornalista en galego e na defensa dunha profesión xornalística independente e crítica", polo que anticipou un ano con "o foco nos xornalistas".

A académica e xornalista Ana Romaní dixo que será "unha figura, unhas letras e unha obra" que vai permitir achegarse "á ficción e ao xornalismo desde outra óptica", pois os concibía como "instrumentos do coñecemento, da acción e da reflexión". De Caamaño resaltou que foi unha activista de "un país e un idioma que ela cultiva con precisión e con esmero" e unha "activa defensora do xornalismo como servizo público".

Margarita Ledo incidiu na súa "aposta pola visión de xénero" e na súa participación "nun manifesto, xa en 1998, fronte á violencia de xénero", o que mostra que ela hai anos xa escribiu sobre "urxencias dun tempo presente". "Os medios son construtores dunha sociedade, non poden ser manipulados, non poden ser borrados, como está a suceder nalgunhas ocasións", engadiu.

Marilar Aleixandre ve o seu traballo como "unha obra que dialoga connosco sobre hoxe" tras unha intensa actividade en que "foi escritora, foi xornalista e foi activista", tanto "da lingua" como "do papel xornalístico dos medios públicos e do feminismo".

María López Sández afirmou que "desde o ámbito literario é unha figura moi singular, que se afasta de como se concibe hoxe que ten que ser unha figura literaria" e foi capaz de romper "con todo o seu fulgor" ao publicar unha obra "dunha calidade inmensa". Nas súas novela sobre Bretaña fala acerca de "esa épica galega" que non houbo e "faio pero cunha visión desde a muller e feminista".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade