Publicador de contidos

Publicador de contidos

A RAG celebra o seu 120 aniversario agasallándonos cun percorrido virtual a través da web

A RAG celebra o seu 120 aniversario agasallándonos cun percorrido virtual a través da web

Un percorrido pola historia a través de medio milleiro de fotografías, documentos, publicacións periódicas e libros dispoñibles xa en Internet

Arquivo Arquivo
G24.gal 28/09/2026 12:16

A Real Academia Galega (RAG), inaugurada oficialmente o 30 de setembro de 1906, abriu unha nova sección no seu web para divulgar a súa historia de xeito sintético e visual, guiada por máis de medio milleiro de imaxes entre fotografías, documentos, páxinas de publicacións periódicas e libros que custodia.

O percorrido que irá trazando parte da memoria do país ábrese esta semana coa entrega 'Fundación. Herdo e compromiso do Rexurdimento', segundo detallou este luns a RAG, que sinalou que avanzará cronoloxicamente, semana a semana, ata chegar a finais de ano aos tempos actuais.

“A Real Academia Galega é a institución civil de ámbito galego máis antiga das creadas por iniciativa cidadá. Foi un froito tardío, pero poderoso e perdurable, do Rexurdimento, e nin nos momentos máis difíciles da súa longa historia, marcada pola marxinación e a desatención do Estado, deixou de atender o seu compromiso inicial”, expón o seu presidente, Henrique Monteagudo.

Naquel tempo de cambio de século concibiuse como unha ferramenta para a afirmación da identidade colectiva da sociedade galega, o estudo da súa historia e a súa cultura e, especialmente, para a defensa, o fomento e a difusión da súa lingua propia.

Máis dun século despois, “a RAG proponse manter o seu servizo á sociedade galega e dar resposta aos novos retos expostos á nosa lingua e á nosa cultura”, engade o máximo responsable da institución, encargada do establecemento da norma do galego.

Toda esa historia, desde a súa creación formalmente na Casa do Consulado da Coruña ata o primeiro dicionario ou o nacemento do Día das Letras Galegas, inclúese neste percorrido pola web da RAG, que espera regresar pronto á súa sede da rúa Tabernas da Coruña, despois de que o histórico edificio fora sometido a unha rehabilitación integral. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade