Basquet Coruña reacciona a tempo ante Cartaxena (82-77)
Tras un bo inicio de partido os de Carles Marco perdían por cinco puntos mediado o terceiro cuarto
Paul Jorgensen liderou a reacción local e rematou o partido con 19 puntos e 20 de valoración
Boa estrea de Strahija Micovic co cadro herculino
@cb_cartagena
Basquet Coruña colleitou unha nova vitoria e segue achegándose paso a paso á Liga ACB. Os coruñeses sufriron máis do previsto ante un equipo murciano que vendeu cara a súa derrota.
Cartaxena chegaba ao Coliseum coa onda boa tras a chegada de Roberto Blanco ó banco, con dúas vitorias nas dúas últimas xornadas. Pero con problemas pola baixa de última hoira de Vitor Faverani. E tras un inicio igualado, Basquet Coruña conseguiu abrir fenda no marcador e tras un parcial de 8-0 colocouse cun 25-13 a un minuto do remate do cuarto. Pero ese minuto foi fatal para os intereses laranxas que colleitaron un 0-5 na súa contra para rematar o período cun 25-18.
No inicio de segundo cuarto funcionou a conexión Caio Pacheco - Jorgensen e rapidamente colocáronse coa máxima vantaxe do partido, 33-18. Pero os murcianos reaccionarían da man de Polynice e Webster e achegaríanse a catro puntos (41-37). Unha canastra de Pacheco a catro segundos do descanso deixaría o marcador nun axustado 43-37
O inicio de terceiro cuarto de Basquet Coruña foi horroroso. Encaixou un 0-11 de saída aproveitándose Garuba e Polynice das múltiples perdas dos laranxas. Co 43-48 na contra, Carles Marco solicitou un tempo morto que serviu para reaccionar. Jorgensen anotaría cinco puntos consecutivos e igualaría o partido de rachando a xeira de cinco minutos sen anotar dos coruñeses. Joe Cremo uníase a Jorgensen e os de Carles Marco volvían a coller vantaxe no marcador (59-55). E para completar a remonta, Didac Cuevas anotou sobre a bucina unha tripla desde 8 metros deixando o marcador en 62-57 ao remate do terceiro período.
Esta última acción fixo dano ao equipo visitante que lle custou activarse no último cuarto. Un parcial de 9-2, con catro puntos consecutivos do debutante Micovic, declinaban a balanza a favor dos locais que mandaban por 12 puntos, 71-59, a cinco minutos do final. Ao final, os aurinegros maquiullarían un pouco o marcador deixando a vantaxe final en cinco puntos, 82-77.