Publicador de contidos

Publicador de contidos

Micovic, a solución de emerxencia do Leyma logo da baixa de Radoncic

Micovic, a solución de emerxencia do Leyma logo da baixa de Radoncic

O serbio levaba un mes sen xogar despois de marchar de Kuwait e estivo o ano pasado no Obradoiro

G24.gal 26/03/2026 10:07

O Leyma Coruña moveuse rápido no mercado para buscar un substituto para Dino Radoncic. Chega Strahinja Micovic (33 anos, 204 centímetros) que levaba un mes sen xogar despois de marchar de Kuwait por mor da guerra do Golfo e que xa ten experiencia na Primeira FEB. A temporada pasada formou parte do plantel do Obradoiro, tamén pelexando polo ascenso á ACB. En Santiago mediou 6,8 puntos e 2,5 rebotes e terá a difícil tarefa de facer esquecer a un Radoncic que estaba pasando por un gran momento de forma. Ao longo da temporada acreditou 9,3 puntos e 3,9 rebotes e nas últimas xornadas estaba a dar o seu mellor rendemento. 

"Este verán xa tivemos conversas co seu representante pero non se puido concretar a fichaxe" asegurou Charly Uzal, director deportivo do cadro coruñés. Uzal non quixo comparar a Micovic con Radoncic porque "son xogadores moi diferentes. Micovic vai abrir moito o campo para os compañeiros e darlle moitos espazos, tamén é unha ameaza no tiro de tres". Pola contra, o equipo perde un pouco de presenza na pintura. 

A estrea de Micovic será diante do Cartaxena e o seguinte partido que xogue o Leyma como local será diante do Obradoiro, un partido moi especial para a nova fichaxe coruñesa e que pode decidir un ascenso á Liga ACB. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade