Baixa o consumo de cervexa: cada español bebeu 53 litros o último ano
España é o segundo produtor de cervexa da UE, só por detrás de Alemaña
A venda de variedades sen alcol segue medrando e xa supón o 14 % do total
Menos cervexa pero máis sen alcol. O consumo desta bebida, unha das raíñas do verán, caeu un cinco por cento o último ano: de media, cada español ou española bebeu 53 litros. Con todo, a cervexa segue a ser moi importante na sociedade e na economía do estado. España é o segundo produtor da Unión Europea, só por detrás de Alemaña. E é a líder europea na cervexa sen alcol, tanto na fabricación como no consumo. As variedades non alcohólicas supoñen xa o 14 por cento das vendas.
"O dos sabores é moi persoal", explica Sara de la Fuente, da Birrería de Vigo, un local con quince billas e máis de trinta marcas en latas e botellas que van cambiando cada semana. "No verán a xente pide máis fresquiñas e con pouco alcol e no inverno con máis, como as negras".
"Sempre hai que beber con responsabilidade, para min a medida ideal é a pinta, medio litro. Se che gusta un produto é o xeito de gozalo, non quere dicir que vaias ter que tomar vinte", apunta Antonio Ribeiro, comercial especialista en cervexas nunha distribuidora de bebidas.
O consumo de cervexa baixou na hostalaría e medra nos fogares. Tamén destaca a chegada de variedades de importación, como as IPA, agora moi de moda. Os consumidores aceptan cada vez máis o formato en lata, que conserva moi ben as propiedades do líquido.
"Cada cervexa ten a súa temperatura e somos os técnicos os que nos encargamos de distribuíla polo equipo", explica Antonio Vargas mentres amosa os refrixeradores, as bombonas de presión e os serpentíns que se ocultan trala barra do local. "As cervexas claras necesitan máis temperatura e as tostadas de menos".
O consumo persoal de cervexa é moi variable, claro. Segundo as estatísticas das empresas, dous de cada tres españois bebe tres vasos de cervexa cada semana. Ese sería o perfil máis habitual.