Baiuca regresa a Galicia esta fin de semana tras cinco días atrapados en Sudán
O grupo galego abandonou esta tarde Jartum e agarda xa por un segundo voo que os leve a España

O grupo Baiuca, atrapado no Sudán polo golpe de Estado ocorrido esta semana no país, estarán de volta mañá. O seu representante confirmou que xa están de camiño, saíron do Sudán e chegarán a España en pouco máis de 24 horas.
O golpe de Estado sorprendeu na capital do Sudán a Baiuca e as catro persoas que o acompañaban para participar nun festival de música.
Alex Guillán, creador de Baiuca, proxecto unipersoal de folk e electrónica; a cantareira Andrea Montero, o percusionista Xosé Lois Romero, o encargado da parte audiovisual Adrián Canoura e o técnico de son Alfonso García levaban cinco días atrapados no país africano tras o golpe de Estado dos militares contra o Goberno civil de Abdalá Hamdok.
Durante os últimos días os integrantes do grupo estiveron aloxados na residencia da embaixada, "protexidos" e "acompañados" pola policía as 24 horas.
Guillán e a súa xente viaxaron ao país africano o pasado domingo para participar no festival de músicas do mundo "Sama Music Festival", que se estaba desenvolvendo con total normalidade desde comezos de mes e para o que tiñan previsto un concerto o pasado martes.