Axudan a desaloxar a vivenda que lle ocuparan ilegalmente a un veciño toxicómano
O edificio convertérase hai oito meses nun centro de venda de droga
Convocan unha concentración o venres contra o aumento da inseguridade na rúa Ramón Nieto, en Vigo
Os veciños dun edificio do barrio de Lavadores, en Vigo, están desesperados porque dende finais de xullo un veciño drogo dependente ten a casa ocupada ilegalmente. Foron meses de non durmir aturando vendas de droga, lixo, discusións e mesmo un incendio.
A pinga que colmou o vaso foi cando lles engancharon a caldeira da auga quente. Os veciños cambiaron entón as fechaduras e obrigaron os ocupantes ilegais a retirar as súas pertenzas en presenza da policía.
Malia todo, salientar a axuda que prestaron ao veciño toxicómano xestionando a entrada da nai nunha residencia, axudándoo a desocupar a vivenda e coidando del. Mesmo o axudaron a recompilar no portal as pertenzas que quedaban para que as recollan en presenza da policía.
Oito meses sen durmir e con medo noite e día. Familias con menores ou anciáns que viven no edificio tiveron que aturar que ás doce da mañá lanzaran a droga pola ventá aos clientes, un ir e vir constante de delincuentes, venda de droga no portal e no ascensor da vivenda e múltiples pelexas e gritos durante toda a noite.
Comezaron a chegar no verán, e no mes de outubro xa estaban todos instalados na casa do veciño. Eran nove persoas, tres deles nenos. Dous dos ocupantes ilegais xa foron detidos por vender droga no portal.
A preocupación pola seguridade da zona é crecente, e os veciños xa organizaron para este venres unha concentración en protesta polo aumento da delincuencia na contorna desta rúa Ramón Nieto.