A tarde de treboadas deixa fortes chuvias, máis de 2.300 raios en Galicia e o desvío dun voo de Santiago a Vigo
A tarde de treboadas deixa fortes chuvias, máis de 2.300 raios en Galicia e o desvío dun voo de Santiago a Vigo
Os avisos por chuvias e trebóns continúan este domingo con aviso amarelo en Ourense, no interior de Pontevedra e na montaña e sur de Lugo
Un alboio ardeu como consecuencia dun raio en Verín
As treboadas anunciadas para esta tarde chegaron pasadas as catro a boa parte de Galicia. Entre as 12 do mediodía e as 9 da note estaba activado o aviso amarelo por chuvascos localmente fortes en Ourense, no sur de Lugo e no interior de Pontevedra.
Na montaña de Lugo as previsións indican que poderían deixar chuvias acumuladas de 30 milímetros nunha hora. No interior da Coruña e Pontevedra e na provincia de Ourense as precipitacións poderían chegar ata os 15 milímetros nunha hora.
Finalmente a tronada deixou máis de 2.300 raios concentrados na comarca de Santiago, en Arzúa, no Deza e na montaña de Lugo e Ourense. Nalgunhas desta zonas chegaron a caer arredor de 30 litros por metro cadrado entre as 5 e as 6 da tarde.
Foi precisamente Compostela un dos puntos máis afectados polas treboadas. Aena confirmou que un voo procedente de Madrid que tiña previsto aterrar no aeroporto da Lavacolla foi desviado a peinador en Vigo.
Esas precipitacións deixaron alagamentos temporais que obrigaron a intervir os servizos de urxencia nas rúas de Santiago e por momentos dificultaron a circulación.
No Deza o pedrazo cubriu o chan en pouco tempo e queda por valorar como lles afectou ás colleitas.Os avisos por chuvias e trebóns continúan este domingo con aviso amarelo en Ourense, no interior de Pontevedra e na montaña e sur de Lugo.
En Verín un alboio con herba seca no interior ardeu a noite do venres como consecuencia dun raio. Non houbo persoas feridas, nin tampouo lle afectaron as lapas aos animais que estaba no interior da construción.
Os bombeiros de Verín desprazaronse ata o lugar en Tamaguelos, onde está o pendello para extinguir o incendio.
As lapas calcinaron parte do tella e as pacas de herba seca.