Galicia vive unha xornada de transición tras rexistrar 2.200 raios en 48 horas
As intensas choivas caídas na tarde do sábado provocaron asolagamentos repentinos en varios puntos do territorio

Logo de dous días de treboadas, con avisos amarelos en boa parte de Galicia, regresa a normalidade ao territorio. Meteogalicia aínda prevé para este domingo chuvascos e algún trebón, pero a situación mellora cara aos vindeiros días.
Porén, as intensas choivas das últimas horas, as fortes sarabias e os preto de 1.000 raios rexistrados este sábado deixan imaxes impactantes e horas de traballo por diante para limpar as zonas asolagadas.
O venres, Meteogalicia tamén contabilizou máis de 1.200 lóstregos que provocaron cortes na subministración eléctrica durante varias horas en distintos concellos de Galicia.
Asolagamentos en Oleiros
En Santa Cruz, no concello de Oleiros, a treboada deixou rúas asolagadas, mesmo con xente enriba da parada do autobús para non mollarse. Tamén no barrio vigués de Teis, os sumidoiros non daban feito.
Cando comeza a chover con forza neste punto, a veciñanza asegura que en poucos minutos a rúa Robleda se converte nunha lagoa. A auga sae polos sumidoiros e acaba por entrar nas casas.
Sumidoiros atoados en Teis
Encarna Vázquez, veciña desta rúa de Teis, explica que "cando chove, por pouco que sexa, sae a auga polos sumidoiros e entra na casa. Non podemos ir a ningures porque non sabemos cando se vai encher".
Na porta seguinte, Mercedes Abeledo, comparte a súa preocupación.
"Cando vén unha tromba de auga, éntranos pola porta, que temos o salón na entrada e estraga mobles, o chan e hai que limpalo porque cheira que apesta".
Non é a primeira vez e temen que tampouco sexa a última.
"Este ano xa van catro veces. Viñeron mirar, pero aos técnicos pareceríalles tan complicado, pero din que como é puntual pasa unha vez cada ano e iso é imposible", lembra Fernando Mulet.
Colocan comportas á entrada das casas para tentar frear o avance da auga. Fernando Alonso faino na súa casa e lamenta que malia todo "a auga entra polo garaxe e sae polo patio. Un desastre".
Puxéronse en contacto co Concello e enviaron varios escritos.
"Pedimos unha reunión co responsable de obras e non temos contestación. Vivo cunha persoa con minusvalía, eu xa son maior e limpar todo cada vez que pasa é un problema moi serio", lamenta Mercedes.
Aseguran que as obras nesa rúa agravaron o problema e urxen unha solución que lles permita acabar co medo á chuvia.