Publicador de contidos

Publicador de contidos

As inundacións que afectan varios países de Asia deixan máis dun milleiro de falecidos

As inundacións que afectan varios países de Asia deixan máis dun milleiro de falecidos

A metade das vítimas concéntranse en Indonesia, onde a intensa chuvia obrigou a evacuar medio millón de persoas e provocaron 604 mortos, 464 desaparecidos e arredor de 2.600 feridos

Residentes de Sumatra avalían os danos causados polas chuvias nas súas vivendas (REUTERS/Stringer TPX) Residentes de Sumatra avalían os danos causados polas chuvias nas súas vivendas (REUTERS/Stringer TPX)
G24.gal 01/12/2025 09:27 Última actualización 01/12/2025 15:24

As inundacións que afectan Indonesia, Sri Lanka e Tailandia, por un forte temporal de choiva, deixan este luns entre 1.012 e 1.114 falecidos, coa illa indonesia de Sumatra como a máis afectada polo momento.

Segundo o último balance da Axencia Nacional para a Xestión de Desastres (BNPB) de Indonesia, a cifra de mortes subiu ata 604 este luns, mentres que o total de desaparecidos descendeu de 508 a 464, con 2.600 feridos e uns 570.000 evacuados.

A choiva, que ocasionou o desbordamento de ríos e esvaraduras de terra no arquipélago, afectaron 1,5 millóns de persoas especialmente nas provincias de Sumatra Setentrional, Aceh e Sumatra Occidental, nas que viven máis de 280.000 persoas.

Testemuños dos afectados relatan como vivendas e comercios foron arrasados pola enchente dos ríos, obrigando familias enteiras a improvisar refuxios xunto aos poucos muros que quedaron en pé.

Piden a declaración de desastre nacional

A pesar de que as inundacións, vinculadas ás copiosas choivas provocadas polo monzón e un inusual ciclón tropical que impactou a illa a semana pasada, comezaron a ceder nalgunhas zonas, hai polo menos tres subdistritos da provincia de Aceh, norte de Sumatra, aos que os rescatistas non puideron acceder.

A situación do desastre superou a algúns gobernos locais que, xunto a grupos civís, solicitaron ao Goberno a declaración de desastre nacional, algo que sucedeu en só tres ocasións nas últimas tres décadas, incluída a pandemia da covid e o tsunami do océano Índico en 2004.

A Indonesia súmase o cálculo de danos e vítimas de Tailandia, onde a auga retrocedeu nos últimos días, cun balance actualizado este luns de 176 mortes e perdas multimillonarias en varias provincias do sur.

Ademais, segue aumentado o número de afectados polas inundacións en Sri Lanka, onde as autoridades elevaron hoxe a 334 o número de falecementos confirmados, mentres 337 persoas seguen desaparecidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade