Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia rexistra case un milleiro de raios nunha nova xornada de treboadas

Galicia rexistra case un milleiro de raios nunha nova xornada de treboadas

Durante a tarde activouse o aviso amarelo por choiva na costa norte e no interior das provincias da Coruña e Pontevedra

G24.gal 03/05/2025 09:47 Última actualización 03/05/2025 22:25

Galicia rexistrou máis de 949 raios este sábado, 3 de maio, nunha nova xornada de alerta amarela por fortes choivas e treboadas, segundo a información de Meteogalicia.

O aviso activouse entre as tres da tarde e as nove da noite no litoral norte e no interior das provincias da Coruña e de Pontevedra. Nalgúns puntos, rexistráronse trebóns importantes acompañados de sarabia.

Este venres, en pouco máis de 24 horas, contabilizáronse 1.200 lóstregos e o 112 atendeu un total de 62 incidencias, aínda que non se rexistraron danos persoais. Sobre todo, houbo asolagamentos e caeron obxectos ás estradas.

Asolagamentos en Vigo

Cando comeza a chover con forza, en poucos minutos, parte da rúa Robleda, no barrio vigués de Teis, convértese nunha lagoa. A auga sae polos sumidoiros e acaba por entrar nas casas. 

Encarna Vázquez, veciña desta rúa, explica que "cando chove, por pouco que sexa, sae a auga polos sumidoiros e entra na casa. Non podemos ir a ningures porque non sabemos cando se vai encher".

Na porta seguinte, Mercedes Abeledo, comparte a súa preocupación.

"Cando vén unha tromba de auga, éntranos pola porta, que temos o salón na entrada e estraga mobles, o chan e hai que limpalo porque cheira que apesta".

Non é a primeira vez, e os veciños temen que tampouco sexa a última. 

"Este ano xa van catro veces. Viñeron mirar, pero aos técnicos pareceríalles tan complicado, pero din que como é puntual pasa unha vez cada ano e iso é imposible", lembra Fernando Mulet.

Colocan comportas á entrada das casas para tentar frear o avance da auga. Fernando Alonso faino na súa casa e lamenta que malia todo "a auga entra polo garaxe e sae polo patio. Un desastre".

Puxéronse en contacto co Concello e enviaron varios escritos. 

"Pedimos unha reunión co responsable de obras e non temos contestación. Vivo cunha persoa con minusvalía, eu xa son maior e limpar todo cada vez que pasa é un problema moi serio", lamenta Mercedes.

Aseguran que as obras nesa rúa agravaron o problema e urxen unha solución que lles permita acabar co medo á chuvia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade