Aviso vermello na costa da Coruña e refachos por riba dos 130 km/h
Aviso vermello na costa da Coruña e refachos por riba dos 130 km/h
As ondas xa chegaron a superar os oito metros na Estaca de Bares
Os refachos máximos superaron os 130 km/h en Cedeira
Aconsellan consultar os próximos voos desde A Coruña ou Vigo porque pode haber cancelacións
O temporal de mar, auga e vento está a deixar múltiples incidencias por toda Galicia. E a situación aínda pode complicarse máis nas próximas horas. Hai aviso laranxa en toda a costa galega, con ondas que chegaron xa a superar os oito metros na Estaca de Bares. Na Coruña, o temporal obrigou a pechar parte do paseo marítimo de Riazor.
Houbo refachos por riba dos 100 km/h en moitos puntos e numerosas incidencias, con caídas de árbores e dificultades para circular por algunhas estradas. Tamén o tráfico aéreo se viu afectado. De feito, para quen teña previsto voar nas próximas horas desde A Coruña ou Vigo, AENA aconsella consultar coa compañía o estado do voo. Mañá a situación empeora e a Consellería de Educación decidiu suspender as actividades ao aire libre e o transporte escolar nas zonas altas de Lugo e Ourense.
O temporal Gerard está a deixar moito vento, chuvia e forte ondada en toda a costa galega. Os refachos máximos superaron os 130 km/h en Cedeira. En Ferrol, unha árbore de 14 metros caeu no Cantón de Molíns. Foi unha das moitas incidencias que tiveron que atender os bombeiros este luns. No porto exterior de Ferrol Endesa suspendía o transporte de carbón cara ás Pontes paralizando a actividade de 80 camións.
Vento e chuvias intensas tamén no interior de Pontevedra que dificultaron a circulación nas estradas. O vento tamén afectou ao tráfico aéreo con voos suspendidos ou desviados nos aeroportos da Coruña e Vigo.
No litoral, o aviso laranxa deixou ondas por riba dos oito metros en Estaca de Bares. Na Coruña pecháronse parques, praias e tamén o paseo de Riazor. Con todo, este martes agravarase a situación e o aviso no mar pasará a vermello no noroeste da Coruña e a Costa da Morte.