Aumentan as encargas de peixe online a través do Whatsapp
O servizo de mensaxería conecta vendedores e clientes de forma rápida e sinxela
As redes sociais e os servizos de mensaxería como o whatsapp permítenlles aos pequenos comercios abrir novas canles de venda e chegar a máis clientes. Moitos comezaron a utilizalos na pandemia. Hoxe son unha ferramenta de traballo máis en negocios tradicionais, como as peixerías.
Na Coruña, a peixería de Marcos Rabina mantén a clientela de toda a vida, eses compradores que escollen e mercan despois de ver o produto na praza de abastos. Tamén conserva os clientes que realizan encargas, aínda que xa raramente son telefónicas. O whatsapp é a canle prioritaria de venda deste posto situada no mercado municipal da praza de Lugo.
"Esta posibilidade evítalles ter que madrugar e permítelles recibir o peixe na casa ou fixar uha hora para recoller aquí o produto. Liberas o cliente de ter que vir ar mercado", explica o peixeiro.
Ás oito da mañá Marcos envía unha mensaxe cos peixes e os prezos do día e recolle as encargas ata as dez e media. Busca a proximidade cos clientes, particulares e restaurantes de toda España que poden acceder aos mellores peixes e mariscos galegos dunha forma rápida e cómoda.